5 – Tríptico de cegos

Tríptico de cegos
1915
Óleo e lenzo

Estas tres pinturas de gran formato constitúen o tríptico que Castelao realizou para decorar o Hotel Balneario de Mondariz, por encargo do seu propietario, Enrique Peinador. O tríptico supón unha version monumental da obra coa que acadou unha medalla na “Exposición Nacional de Bellas Artes” de 1915.

O tema dos cegos vai ser unha constante ao longo da obra plástica de Castelao, sobre todo a partir do desprendemento de retina que sofre no ano 1914 e que o deixa case cego. Durante toda a vida terá problemas de visión, con varios tratamentos e numerosos altibaixos. É sabido que se refería aos cegos como “os meus compañeiros”.

Daquela, ser cego e de clase popular significaba converterse en esmoleiro ou músico ambulante por vilas, aldeas e romarías. Ata hai unhas décadas, aínda se podían escoitar nas feiras os cantos e romances de cegos que, coas súas historias de crimes, amores e aventuras, milagres e sucesos enfeitizaban o público a cambio dunhas moedas.

No entanto, a vida dos cegos e dos seus acompañantes, quitando algunha excepción como o Cego de Padrenda, era unha vida miserable a mercé da caridade. É dicir que na figura do cego, Castelao vía personificadas a pobreza e a marxinación, dúas realidades que sempre combateu. Isto explica que desde o ano 1909, antes de sufrir os graves problemas de vista, xa realizara un importante número de debuxos, acuarelas e tamén óleos con personaxes cegos como protagonistas.

Como sinala María Victoria Carballo-Calero, “nas súas exposicións de 1912 figuran xa uns debuxos de cegos moi elaborados, de estética modernista, e que constitúen modelos iconográficos sobre os que volverá unha e outra vez. De medio corpo, sós ou en parellas, con “lazarillo” camiño da romaría, tocan instrumentos: violín, zanfona, pandeireta, e cobren as súas cabezas con sombreiro de aba ancha. Presentan rostros estáticos, caricaturescos ás veces, en cuxa mirada ausente Castelao expresa a interior traxedia, nunhas ocasións, e o ensimesmamento da cegueira, noutras.”

Podemos velos retratados con varias técnicas (lapis, tinta, acuarela, óleo…) e en diferentes formatos, pero, se cadra, o que máis chama a atención é o formato grande tipo mural que contemplamos nesta parte da sala. O noso abraio é maior se temos en conta que estas pinturas foron feitas para decorar o antigo Hotel Balneario de Mondariz, onde acudía a tomar as augas a alta sociedade da época.

Como di Xosé Luís Méndez Ferrín: “Alí estiveron nun dos fastosos salóns, de maneira que as marquesas, os xenerais, incluso Primo de Rivera, grandes persoeiros que ían nos seus días de pracer, paseaban xunto a estas imaxes de dor, de miseria. E supoño que pensaba Castelao que estas persoas tiñan que darse conta de que fóra daquela gaiola de ouro estaba o mundo real”.

Tras o incendio do balneario en 1973, do que se salvaron, os óleos foron doados por Nicolás Meixengo á Real Academia Galega. No ano 2011, esta cedeunos en depósito permanente ao Museo de Pontevedra.

— Ler máis

Na primeira ollada a estas pinturas, o primeiro que chama a atención son os rostros e as mans dos cegos, realizados en clave caricaturesca máis adecuada para a ilustración gráfica que para ser pintada. Todos portan fardelos, nos que podemos albiscar algún instrumento como a zanfona. Mais, da man de Maria Victoria Carballo-Calero, fagamos unha observación máis polo miúdo destas obras.

No primeiro lenzo, de esquerda á dereita, “un cego conduce a outro cego, e a este un “lazarillo”. Os piñeiros desprázanse á esquerda e mestúranse cun espectacular cruceiro (do que colgan espigas de millo a modo de ofrenda). No medio dunha paisaxe aberta que permite ver a ermida, o hórreo e a reitoral cara á que camiñan, todos eles elementos debuxados unha e outra vez por Castelao, transcorre a escena. A gama de verdes escurécese e os violetas desaparecen (con respecto aos outros cadros): só uns toques de amarelo animan unha obra inmensamente triste e melancólica na que nin sequera o rostro infantil do “lazarillo”, medio oculto, logra alegrala: este camiña de costas cuberto coa tradicional manta no medio dunha natureza gozosa que se mostra cargada de nubeiros.” A cor amarelada da pel dos cegos fai destacar os rostros engurrados e as mans osudas dándolles un toque expresionista.

No segundo lenzo “as dúas parellas de cegos de distintas idades sitúanse nunha paisaxe con piñeiros de gran beleza. Mentres que a de máis idade centra o cadro, cortada en tres cuartos – camiña cara ao espectador – a segunda desprázase á esquerda sobre un montículo. É quizais a actitude do primeiro cego, cos brazos en cruz (e as pinceladas vermellas nos ollos) o máis impactante, xa que a simboloxía do crucificado funciona. Como é habitual, os piñeiros coa súa verticalidade equilibran as liñas horizontais predominantes na paisaxe. Os piñeiros de Castelao son característicos: escribiuse que lograra captar o espírito destes, o culto á natureza maniféstase plenamente. De novo a beleza da paisaxe e a verdade da cegueira non se exclúen”.

No chamado Cego con lazarillo “a figura do cego perde protagonismo ante a paisaxe e camiña cara á romaría precedida do “lazarillo”. As dúas figuras aparecen desprazadas á dereita e apoiadas polos habituais troncos de piñeiros”. Nos tres lenzos as figuras están arroupadas pola paisaxe, inspirada, sobre todo no primeiro e no segundo, na comarca natal de Castelao, nos montes e nos ceos da Serra do Barbanza, preto de Rianxo.

A paisaxe é outro elemento fundamental na obra do noso artista, mesmo el expresou o seu desexo de converterse nun gran paisaxista. Boa proba do seu interese pola natureza de Galicia son estes ceos toldados cunhas masas de nubes impresionantes cheas de xogos de luces e sombras que parecen ter movemento de seu. Obsérvese o contraste destes ceos impetuosos coas cores grises e violetas das montañas e das diferentes tonalidades de verdes utilizados para a terra, onde queda fielmente representado o minifundismo característico do agro galego.

Tense sinalado o predominio da liña propio do debuxante tanto nas figuras humanas como na propia paisaxe. Isto contrasta coas técnicas pictóricas que xa dende había ben anos desenvolvían os pintores de paisaxes a partir dos achados dos impresionistas. Como exemplo disto, podemos fixarnos no detalle con que están debuxadas as pedras do muíño e da ponte na esquina inferior dereita do lenzo central malia estaren situadas nun plano afastado do espectador. Outro exemplo disto atopámolo no hórreo e na ábsida da capela do lenzo da esquerda. Neste mesmo cadro, ao fondo, entre os dous cegos, Castelao pintou un pazo señorial con torre, símbolo recorrente nos seus debuxos do poder dos fidalgos e do caciquismo.

Con todo, tal como afirma Carballo-Calero

“Non cabe dúbida de que estas paisaxes con figuras, pero paisaxes ao fin, supoñen unha das primeiras achegas, coas de Lloréns e Carlos Sobrino, aos inicios da pintura de paisaxe galega do século XX. Castelao utiliza os violetas en todos os seus rexistros, desde o rosa claro até os morados, e intercala zonas verdes ou amarelas. Logra plasmar naturezas de fonda emoción e intenso silencio, mestura de obxectividade e lirismo, que transcenden o sentido decorativo innato.”


Bibliografía e materiais de consulta:


<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: