6 – Diario 1921

Diario 1921
1921
Lapis, augada, tinta, papel, fotografías

En 1921, grazas a unha bolsa de viaxe da “Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”, Catelao viaxou a Francia, Bélxica e Alemaña para realizar estudos de técnicas de gravado (augaforte, litografía e xilografía) e coñecer as últimas tendencias artísticas que se manifestaban daquela ao longo de Europa. Froito desa viaxe é o Diario 1921, un caderno de 300 páxinas numeradas de tamaño folio, das que escribiu 222, onde foi recollendo as impresións que lle causaron tanto as obras de arte contempladas coma as cidades, vilas e aldeas visitadas.

O resultado é unha asombrosa obra onde se combina o propio texto escrito á man con ilustracións, moitas delas feitas en vivo e no propio lugar, a través da que nos mergullamos nas ideas artísticas de Castelao e nos seus gustos e desgustos neste eido. Coa súa lectura e contemplación, gozaremos unha vez máis do seu xenio creador e do seu fino humor retranqueiro á hora de expresar as críticas sobre determinados movementos artísticos.

A aceptación de permanecer en soidade nove meses no estranxeiro, deixando atrás a muller cun fillo enfermizo de 7 anos, co único fin de coñecer e aprender da arte contemporánea, dan conta da verdadeira vocación de artista que tiña Castelao e da súa arela por se converter nun artista galego sobranceiro.

Só algunhas das impresións sobre arte recollidas no Diario 1921 serían reelaboradas polo autor nunha serie de cinco artigos publicados na revista Nós entre os anos 1922 e 1923, pero como libro non se editou ata 1977. En 1986, no centenario do nacemento do artista, a Deputación de Pontevedra publicou unha edición facsímile. Na sala podemos contemplar nunha pantalla unha parte desta edición facsimilar.

— Ler máis

Esta viaxe influíu notablemente na obra posterior de Castelao. Os feitos ou obras artísticas que describe no Diario 1921 deron pé a algúns dos seus textos, debuxos ou cadros máis coñecidos.

Poñamos por caso o bosquexo que realizou durante a súa estancia en Bruxas cando, pensando en Brueghel e no Bosco, fai un debuxo que describe deste xeito: “Un paisano (que pode non ser paisano e si recadador) está zugando o derradeiro sangue dunha vaca que ten a cabeza de caveira”. Esta imaxe será a base dun dos carteis que debuxará en 1936 para a campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tamén é evidente a pegada do cadro de Brueghel A parábola dos cegos, que contemplou no Louvre e que vinte anos despois servirá de base para unha das súas láminas da serie Cegos: os meus compañeiros.

Non podemos esquecer, como indica Xosé Díaz, as series de gravados da artista, escritora e pacifista alemá Käthe Kollwitz A rebelión dos tecedores, O levantamento, Guerra dos campesiños e A morte cuxos temas son a explotación do proletariado, a miseria, a fame, a dor e a morte. Estas litografías, dalgunha maneira, inspiraron os seus Álbums de guerra Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, pois hai debuxos cunha temática exacta, un mesmo espírito denunciador e unha estética moi próxima.

En canto á influencia na obra literaria, podemos sinalar este exemplo: cando conta que o 15 de marzo visitou en París a casa dun home que vendía ósos humanos, caveiras e esqueletos completos, remata o comentario desta visita con esta frase: “Ensinounos unha chea de pelellas de cristián tatuadas, por certo que algunhas eran ben fermosas”. Ao ano seguinte, xa de volta a Galicia, publicou con este mesmo argumento unha das súas Cousas titulada Novela (e retitulada como Ramón Carballo. Novela cando recompilou no libro Cousas as primeiras 18 narracións, en 1926). Neste texto, nunha das peles tatuadas que lle mostra aquel home tiña gravado o nome de Ramón Carballo, emigrante fracasado que Castelao di que coñecera de rapaz.

O 27 de maio escribe que lle contaron “o desgusto dunha señora fidalga de París por morrerlle… un canciño… Eu lembreime de camiño dos contos que se contan en galego de a quen lle morre unha vaca… Amosar estes dous sentimentos dá motivo para un conto”. Efectivamente, en 1922 publica unha das súas Cousas da vida co seguinte pé: “Probiña! Morreulle un canciño que lle chamaban Fifí…”. E en 1927, unha Cousa baixo o título Si eu fose autor na que esboza unha obra de teatro en dous actos: no primeiro morre a vaca dun labrego, entre as risas dos señoritos do patio de butacas; no segundo, morre o canciño da señorona, entre as risas do público humilde do galiñeiro.

— Para ler aínda máis

A piques de abandonar París, cando declara ter vistos xa máis de 50 000 cadros, visita unha exposición de artistas rusos que cualificou como a mellor que vira na súa vida. Desde o seu profundo coñecemento do modernismo, enfeitízao a linguaxe contemporánea destes pintores, que integran habilmente tradición e vangarda.

A pegada de Natalia Goncharova na súa evolución como deseñador de carteis así como a dos pintores Soudeikine e Remisoff e da coreógrafa Ludmilla Chiriaeff no seu posterior labor como escenógrafo serán fundamentais.

Tamén asiste en París ás audaces representacións do Teatro de La Chauve-Souris (Teatro do Morcego) que o entusiasman coa idea de crear en Galicia un Teatro da Arte.

Durante a súa estancia en Alemaña aprenderá a técnica do gravado en linóleo, que ao seu regreso introducirá en Galicia con gran repercusión.

Neste diario, Castelao, igual que manifesta a súa admiración polas obras de pintores antigos como o Bosco, Brueghel o Vello, Pieter Huys, Van Eyck, Memling e Van der Goes ou o seu interese polo expresionismo, tamén pon de relevo o desagrado ou incomprensión que lle producen determinadas vangardas. Este é o caso do dadaísmo, o cubismo ou o construtivismo, que non casan ben coa súa concepción da arte comprensible para o pobo que sirva como ferramenta para denunciar as inxustizas sociais e remexer as conciencias da clase burguesa.

Neste senso, son ilustrativas as palabras que lle dedica ao dadaísmo ao remate da súa estancia en París: “Xa sei o que é o dadaísmo. O dadaísmo non é nada; o dadaísmo é facer nada con nada e é peor que nada porque é parvo, e nun pobo onde haxa un pouco de hixiene espiritual os dadaístas serán mallados a paus”.

Ou as que escribe sobre Picasso: “Con todo, eu penso que Picasso é un farsante… A min pareceume que Picasso é un home de gusto refinado se se quere, pero que non sabe debuxar… Eu teño a Picasso nada máis que por un “amateur” da arte”. E sobre Paul Klee di: “O meu rapaz fai debuxos mellores. Eu non sei por que unha persoa maior ha pintar como pintan os nenos, pois os que xa non somos nenos non podemos facer rapazadas”.

No entanto, estas afirmacións hai que interpretalas tendo en conta o contexto e o medio en que foron feitas, nun diario íntimo onde Castelao, asolagado pola saudade e canso de ver centos de obras de arte cada xornada, reflicte ao cabo do día as súas impresións dun xeito espontáneo sen imaxinar que algún día estas liñas poidan ser de dominio público.

Non é este o caso da memoria que elaborou para a “Junta” e mais dos artigos publicados na revista Nós sobre o cubismo. Nestes escritos prima a información obxectiva e a invitación a coñecer e reflexionar sobre uns movementos que están revolucionando o mundo da arte. Pódense considerar artigos pioneiros no eido da crítica da arte de vangarda en España.

O Diario 1921 constitúe un documento de extraordinario valor ateigado de nomes de artistas (cerca de mil) museos, monumentos, exposicións, concertos, experiencias vividas, comentarios artísticos e desexos por cumprir.


Bibliografía e materiais de consulta:

  • Diario, 1921, de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, Ed. Galaxia 1977
  • As liñas da conciencia. Castelao ilustrador e deseñador, de Xosé Díaz, Boletín da Real Academia Galega nº 375, pp. 233-237, 2015
  • Estudio crítico do “Diario” de 1921 de Castelao, de Laureano Álvarez Martínez, Actas Congreso Castelao (Santiago de Compostela, 24-29 novembro 1986). Justo G. Beramendi e Ramón Villares, Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico 1986
  • Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936. Catálogo da exposición. Mª Ángeles Tilve Jar, José Manuel Castaño García e Xosé Carlos Valle Pérez. Ed. Museo de Pontevedra 2017
  • Diario 1921 na Galipedia

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: