4 – Primeiras obras

Nada máis entrar na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, podemos apreciar a variedade de técnicas artísticas utilizadas polo artista: debuxos con lapis e con tinta, augadas, acuarelas, óleos, gravados en linóleo etc.

Tamén chaman a atención os diferentes formatos, desde as pequenas ilustracións aos grandes lenzos que cobren toda unha parede. Mais antes de ocuparnos destes, fixémonos nalgunhas obras de tamaño máis pequeno.

Xunto a unha das súas autocaricaturas máis coñecidas, hai 3 obras que dan fe da súa arte como debuxante e do seu dominio da liña. Dúas son de carácter costumista, Hache de pesar e El tonto del pueblo, publicadas na revista Mi tierra de Ourense en 1911. Nelas apréciase o gusto por representar personaxes populares de todas as idades, tanto adultos coma nenos. Fixémonos na candidez coa que debuxa a meniña da segunda imaxe. Tamén hai que destacar a minuciosidade do debuxo das follas das árbores na primeira e das roupas e cestos na segunda. Na titulada A familia, do ano 1910, xa se anuncia a súa preocupación polos temas sociais, que se converterán máis adiante na cerna da súa arte.

Deste mesmo ano é o óleo onde Castelao retrata no ambiente dunha taberna un personaxe ben coñecido na súa época: O cego de Padrenda. O seu nome era Eugenio Romualdo Padín García, nado en 1853 na parroquia de Padrenda – Meaño. Tras quedar sen vista por causa da varíola aos 18 anos, exerceu o oficio habitual dos cegos naquela época: músico e cantor ambulante. O seu talento e humor xunto co estilo persoal das súas composicións causaban gran expectación por toda canta vila ou romaría ía.

A súa arte cativaba tanto as xentes do pobo coma os membros da aristocracia ata tal punto que o mesmo Marqués de Riestra chegou a contratalo cada verán para actuar no Gran Hotel da Toxa ante a alta sociedade española que acudía a tomar os baños. Castelao pintou este cadro para decorar o desaparecido Hotel Calixto de Cambados, un dos seus lugares de actuación, e acompañouno por personaxes de trazos caricaturescos.

Entre esta pintura e a caricatura de Basilio Álvarez atópase o cadro titulado A dona do pazo. Dentro dun estilo modernista, Castelao fai un retrato da súa propia muller, Virxinia Pereira, con certo ton humorístico, acentuado polo propio título da obra. Virxinia pertencía a unha familia acomodada da Estrada e Castelao era fillo dun mariñeiro que fixera fortuna nas Américas, mais ela tiña nove irmáns cos que chegado o caso tería que compartir a herdanza dos pais.

Obsérvese a estudada composición co paralelismo entre a figura estilizada e as árbores do tapiz do fondo. Baixo estas, unha parella de cervos engade un elemento simbólico relacionado co sentimento amoroso. De novo apreciamos o debuxo coidadoso nos elementos da natureza e noutros detalles como as medias, os zapatos, o labor de gancho e as xoias. A roupa escura fai destacar o brazo, as mans, o pescozo e o rostro, extraordinariamente brancos como corresponde aos canons de beleza da época. Os ollos grandes e as delgadas cellas arqueadas danlle ao rostro un aire entre señorial e enigmático.

A continuación ofrecemos unha breve biografía de Virxinia Pereira.

Virxinia Pereira Renda, nada na Estrada o 19 de outubro de 1884 e finada en Madrid o 23 de decembro de 1969, foi a muller de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Procedía dunha familia acomodada, co pai avogado e curmáns rexistradores e militares de alta graduación.

Coñeceu a Castelao cara a 1909 namentres este estudaba Medicina en Santiago e xa era coñecido polo seu carácter festeiro e as súas famosas caricaturas. Tras rematar a carreira Daniel e venceren a oposición inicial da familia de Virxinia, casaron o 19 de outubro de 1912 na igrexa parroquial da Estrada (San Paio).

Dende aquel momento Virxinia foi a compañeira inseparable de Daniel tanto nos tempos gozosos como nos tráxicos. Apoiouno en todos os seus proxectos culturais e mais na súa carreira política malia a oposición de parte da súa familia conservadora.

Xuntos viviron momentos de felicidade e de amargura como o nacemento do seu único fillo Afonso Xesús o 30 de xaneiro de 1913 e a súa inesperada morte con apenas 14 anos de idade, o 3 de xaneiro de 1928, a consecuencia dunha pneumonía.

Ao pouco tempo, Virxinia e Castelao compartiron a viaxe a Bretaña que os axudou a levar esta traxedia e que marcou o comezo das moitas viaxes que haberían de facer xuntos por mor das circunstancias políticas. Xuntos estaban en Madrid cando empezou a Guerra Civil e xuntos soportaron os bombardeos de Barcelona nos que a piques estiveron de perder a vida. Xuntos viaxaron durante a contenda á Unión Soviética e a Nova York, onde recibiron os servizos como secretaria e intérprete de María Docampo, unha rapaza de Oleiros que intimou con Virxinia. Co tempo, descubriríase que María traballaba para o servizo de intelixencia dos EUA e que tiña como misión seguir os pasos da parella e informar sobre as súas actividades.

Xa no exilio, tamén acompañou Virxinia a Daniel no seu periplo polos Estados Unidos e por varios países americanos (Cuba, México, A Arxentina, Uruguai etc.) na campaña que realizou en procura de apoios políticos e económicos para a República Española. E tras o nomeamento de Castelao como ministro sen carteira do Goberno da República no exilio, Virxinia compartiu co seu home a súa triste e decepcionante estadía en París durante os anos 1946 e 1947.

Finalmente, en 1947 regresaron a Buenos Aires onde Virxinia seguiu sendo a compañeira imprescindible que mantivo firme o ánimo do seu home fronte aos desenganos e ás doenzas físicas dos últimos anos.

Tras a morte de Castelao en 1950, Virxinia continuou residindo durante máis dunha década no pequeno apartamento do 7º andar da rúa de Belgrano nº 2605 que compartira co seu home. Nel conservou con celo todas as obras e obxectos persoais que deixara e viviu apegada á súa memoria e á do seu fillo.

Tras regresar a Galicia, sufriu a indiferenza de antigos amigos e coñecidos e foi censurada unha entrevista súa na prensa. Mais tamén recibiu o apoio dalgúns amigos fieis e de familiares.

Grazas a ela podemos contemplar na actualidade un gran número de obras orixinais de Castelao, que legou ao Museo de Pontevedra.


Na parede situada en fronte dos tres grandes lenzos e mais na perpendicular a esta, exhíbense varias pinturas que nos achegan ás ideas estéticas de Castelao á hora de abordar diversos temas como as xentes do pobo (vellos, nenos, cegos, mendigos…), retratos e paisaxes.

A el mesmo gustáballe denominar estas obras en cor sobre papel feitas en técnica mixta e de pequeno formato estampas, aínda que non sexan gravados. Ao chamalas así, expresaba a súa fascinación pola arte oriental. Tal como sinalan Mª Ángeles Tilve, José Manuel Castaño e Xosé Carlos Valle “El, a quen endexamais lle interesou a representación fiel da realidade, atopará na síntese formal, na delicadez decorativa e no primitivismo da estampa xaponesa a inspiración para levar a cabo a súa particular intervención simbólica e transcendente da paisaxe galega”.

De entre eles podemos seleccionar as seguintes:

  • O guía da danza de espadas: vemos nun momento de descanso, un danzante veterano da danza de espadas, un baile gremial de gran tradición que se executa en honor de San Miguel. Obsérvese a alegría da vestimenta e da colcha que pende da ventá con motivo da festa relixiosa en contraste coa parede escura así como a meticulosidade no tratamento das engurras do rostro e da man, onde podemos apreciar unha áncora tatuada.
  • Dous debuxos de cegos, un mendigando nun peirao e outro asomado á ventá. A temática dos cegos é moi frecuente na obra de Castelao. A ela dedicaremos un apartado nesta guía.
  • Paisaxes mariñas: a paisaxe é tamén un motivo constante na obra de Castelao, tanto do mar coma do interior. En varias ocasións afirmou que unha das súas arelas era converterse nun paisaxista e expresar así a harmonía entre o ser humano e a natureza.
  • Escenas de café: de carácter cosmopolita, seguramente inspiradas nos cafés que coñeceu durante a súa viaxe por Europa no ano 1921. A técnica de cores planas contrasta coa utilizada nos cadros de paisaxes. Nestas escenas achégase ás vangardas expresionistas alemás para expresar a sofisticación e sordidez do ocio urbano europeo.
  • Asceta: nos trazos caricaturescos deste personaxe albiscamos a crítica ao clero que vive afastado do mundo real.
  • O cego e a filla: outro retrato de cegos, mais desta vez nun plano máis realista.
  • O castiñeiro do val: preciosa estampa de influencia xaponesa con delicadas tonalidades de fondo sobre o que se recorta a silueta invernal dunha das árbores emblemáticas de Galicia.
  • O neno das piñas: é este un dos cadros de Castelao máis gabados pola crítica. Nel conxuga de forma maxistral a paisaxe coa figura humana e a denuncia social. Un cativo agatuña polo tronco dun piñeiro para coller as piñas co fin de vendelas como combustible. Sobre un ceo gris ameazador, o artista capta con extraordinario realismo o instante en que unha raiola incide nos troncos e follas dos piñeiros e mais no neno. O xogo de luces e sombras que se produce é dunha viveza asombrosa. A pequena figura do pícaro abrazado ao delgado tronco en arriscada actitude produce unha grande emoción.

Outras láminas sobresalientes desta escolma, as tituladas Vento mareiro e O cachoupo, serviron como ilustracións de obras literarias. Dediquémoslles un apartado especial.

A literatura estivo sempre moi vinculada á obra plástica de Castelao ben como ilustrador de obras alleas ben como creador e ilustrador de obras propias. Inmerso no fervor cultural que se vive en Galicia a comezos do século XX e vencellado ao importante labor da “Xeración Nós”, realiza as portadas e as ilustracións interiores de numerosos libros publicados por diferentes editoriais.

O seu traballo neste eido estenderase ao longo da súa vida tanto para autores galegos como foráneos e mesmo se converterá nun dos seus medios de vida durante o exilio en Buenos Aires entre os anos 1941 e 1944.

Como mostra de ilustracións para libros doutros autores podemos ver na primeira estancia da Sala Castelao:

O cachoupo
1922
Pluma e tinta chinesa, augada e papel

Esta asombrosa ilustración de Castelao, na súa versión en debuxo, é a cuberta do libro de poesía Cadencias, primeira obra da escritora Herminia Fariña, publicado en Pontevedra no ano 1922.

Trátase dun castiñeiro, unha das árbores emblemáticas de Galicia, caracterizada pola súa lonxevidade, mais neste caso, atópase na última fase da súa vida, de aí o nome de “cachoupo”, co que se designa un tronco seco ou a medio secar dunha árbore vella.

Fronte ao protagonismo do vello tronco engurrado, retorto e cheo de buracos, que presenta unha aparencia case humana con reminiscencias expresionistas, podemos observar como nace del unha nova póla esvelta e lisa, a modo de brazo, cunha chea de ramificacións.

Estamos ante todo un símbolo do eterno tema do ciclo da vida: a tradición, o traballo e a cultura dos devanceiros fan agromar unha vida nova cargada de futuro. O triunfo da vida sobre a morte.

Esta imaxe da renovación adquire máis intensidade grazas a múltiples detalles que podemos apreciar nunha observación polo miúdo. Castelao retrata o vello tronco xusto ao comezo da primavera, despois do cru inverno, pois o ceo levemente anubrado, as brétemas tenues das montañas do fondo e, sobre todo, as floriñas que nacen na herba ao pé da carocha, anuncian o cambio de estación, a volta á vida.

A nova rama do castiñeiro aínda non ten gromos mais cómpre ter en conta que esta árbore é de foliación tardía, entre finais de abril e xuño, dependendo da variedade e da situación. Con todo, nun recanto da ilustración, apreciamos outro indicio de renacemento: na esquina dereita da parte baixa recórtase no claro ceo a silueta dun castiñeiro novo. A súa copa perfectamente arredondada, tal como é habitual na realidade, denota a súa vitalidade.

Quince anos máis tarde, este símbolo adquirirá un significado político e social de renovación cando Castelao escriba no libro primeiro de Sempre en Galiza: “Galiza é un gomo novo, que será ponla frorecida na vella cachoupa de Hespaña”.

Tamén en 1937 podemos apreciar esta simboloxía nunha das súas obras máis coñecidas, a estampa titulada A derradeira lección do mestre, do álbum Galicia mártir. Nela, os dous cachopos que agroman no outeiro, xunto cos dous nenos ao pé do mestre asasinado, volven encarnar de novo a esperanza do triunfo da vida sobre a morte.

Por último, consonte a grande importancia que ten o mundo vexetal en Galicia, cómpre subliñar a relevancia deste na obra plástica de Castelao, xa sexa en forma de árbores, de plantas ou de partes delas (follas, talos, ramas…). Mesmo nos casos en que a primeira vista semella que utiliza os motivos vexetais con fins meramente decorativos ou escenográficos, podemos decatarnos de que desempeñan tamén un papel fundamental dentro do conxunto do cadro, do debuxo ou do deseño.

En canto ao estilo, conforme a súa concepción da arte e as influencias dos pintores flamengos tras a súa recente viaxe a Bélxica, Francia e Alemaña de 1921, podemos destacar o seu gusto polo detalle á hora de representar as múltiples rugosidades e protuberancias do vello castiñeiro, que mesmo por veces parecen espullas. Estas contrastan vivamente coa superficie lisa da rama nova. Temos aquí pois un claro exemplo dun dos principios básicos da arte de Castelao, tanto na súa faceta plástica como literaria: cada elemento, por pequeno que sexa, ten a súa función e contribúe á expresión completa do conxunto da obra.

Vento mareiro
1921
Técnica mixta e papel

Esta marabillosa estampa de Castelao foi cuberta da segunda edición do libro Vento mareiro, de Ramón Cabanillas, o gran poeta galego cuxa obra fixo de ponte entre o Rexurdimento de Rosalía de Castro, Curros e Pondal e a Xeración Nós, de Otero Pedrayo, Vicente Risco e Cuevillas.

Seguramente inspirada no piñeiral de Tragove – Cambados, a partir do poema titulado Á sombra do pinal, esta obra amosa un grande interese pola cor e a paisaxe pero sen esquecer a figura humana, que moitas veces é a única protagonista das súas obras. Castelao expresou o seu gusto pola paisaxe cando dixo: “E se teño vida quero morrer sendo paisaxista”.
Podemos apreciar nela unha influencia da estampa xaponesa, tan admirada polos artistas de primeiros do século XX: hai unha certa harmonía entre o espazo que reserva para o ceo e o que reserva para a terra. O protagonista aparece illado, en pequenas proporcións, e forma parte da composición pero sen roubarlle protagonismo á obra. A figura semella apouvigada en consonancia cos piñeiros abatidos polo vento mareiro, que lle dá nome ao libro de poemas.

Miragre ou O Viático
1922-1926
Técnica mixta e papel

O viático é a comuñón que se lle administra a un enfermo en perigo de morte. Esta obra representa un sinxelo milagre que aparece descrito no limiar do libro Cousas, chamado A carón da natureza, dentro dunha serie de estampas situadas en diversos momentos do día e da noite. O texto di así:

“Anoitecía. A silueta negra dun piñeiro debuxábase no azul escuro do ceo. Todos sabedes que na primavera os piñeiros botan milleiros de candeas, collendo así o aspecto de candeeiros xigantes. Cantas veces sentimos desexos de acender as candeas dos piñeiros! Pois ben; preto do meu piñeiro acertou a pasar o Viático aldeán (o crego, dous rapaces, catro mulleriñas que van rezando) e ou milagre! O irmán piñeiro, sentindo o momento relixioso e en homenaxe á Sagrada Forma, acendeu as súas candeas, que estiveron acesas namentres o Viático non se perdeu na revolta do camiño”.

Nesta estampa de nidia influencia xaponesa apreciamos de novo a querenza do noso artista pola natureza e a representación da figura humana como parte integrada nela. Mesmo parece que o tronco do piñeiro se inclina respectuoso e aflixido ao paso do grupo de persoas que preside un crego, tamén cangado polo sentimento.

É unha boa mostra da relixiosidade popular que lle transmitiu a Castelao a súa nai Joaquina.

Por último, antes de contemplarmos os tres grandes lenzos que cobren unha das paredes da sala, fixémonos nos obxectos e obras que se expoñen na vitrina central:

  • Unha prancha de linóleo coa matriz dun cartel que anuncia unha exposición de Castelao; un cartel realizado con esta prancha e unha caixa de gubias para traballar esta técnica de gravado. O linóleo é un material resistente empregado para cubrir pavimentos e que consiste nun tecido groso de fibra vexetal impregnado dunha mestura de aceite de liñaza con fariña de cortiza. Na viaxe que Castelao realizou por Europa en 1921 aprendeu a gravar e estampar en linóleo e foi o primeiro en utilizar esta técnica en España.
  • A tapa da caixa de pinturas que utilizaba Castelao, coa figura dun burriño pintada por el mesmo.
  • Os logotipos da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, coa máscara de Beethoven, fundada en 1921, e mais o da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, coa figura do rei David da portada das Praterías da catedral de Santiago. Desde a súa chegada a Pontevedra en 1916, Castelao participou activamente na vida cultural da cidade involucrándose en todas as iniciativas que ían xurdindo. Foi membro do coro de música tradicional Aires da Terra, fundado polo boticario Perfecto Feijoo; actuou como pastor protestante na primeira película galega de ficción titulada Miss Ledyia (1916); apuntouse no club deportivo Karepas; foi cofundador da Coral Polifónica de Pontevedra, onde cantaba como baixo e para a que fixo varias escenografías (na vitrina podemos ver o bosquexo dunha delas; formou parte do primeiro Padroado do Museo de Pontevedra etc.
  • Unha proba da portada para o nº 30 da Revista Nós, da que Castelao era director artístico. Esta revista publicouse entre os anos 1920 e 1936 e supuxo a consolidación da lingua galega como vehículo de cultura de primeira orde no ámbito europeo. Os seus contidos literarios, lingüísticos, artísticos, arqueolóxicos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político estaban na vangarda de Europa. Baixo a dirección literaria de Vicente Risco, colaborou nos seus números a práctica totalidade da intelectualidade galega. En poucas palabras, situou a cultura e a identidade galegas ao mesmo nivel que o resto das nacionalidades europeas.
  • Dous exlibris deseñados para senllos amigos, o historiador Francisco Xavier Sánchez Cantón e o músico Antón Iglesias Vilarelle. Ambos están inspirados en esculturas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela.
  • Varias insignias pertencentes a Castelao e doadas pola súa dona. Entre elas hai unha conmemorativa do inicio da II República e outra do Partido Galeguista.
  • Unha placa conmemorativa da homenaxe que se lle tributou en Lugo no ano 1932 como unha sorte de desagravio diante dos virulentos ataques realizados contra el polo diario madrileño El Imparcial, despois de que defendese brillantemente na tribuna parlamentar os dereitos nacionais de Cataluña no transcurso do debate sobre o seu estatuto de autonomía.
  • Nun dos extremos da vitrina podemos consultar nunha pantalla a edición facsimilar do Diario 1921, documento interesantísimo escrito e ilustrado durante a viaxe que fixo nese ano por varios países de Europa para coñecer as correntes artísticas contemporáneas. Dedicamos un apartado especial desta guía a este libro, que é fundamental para entender a obra do noso artista.

Bibliografía e materiais de consulta:

  • As dúas mulleres de Castelao”, por Olimpio Arca Caldas
  • Nº 474 de A nosa Terra, 1950, dedicado a Castelao
  • Castelao. Obra completa, Akal, 1992

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: