
– Limiar –
Esta Guía da Sala Castelao do Museo de Pontevedra é froito dun traballo colectivo realizado polo alumnado de galego da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra durante o curso escolar 2018-2019. Considerándomos o importante legado sobre Castelao que posúe esta institución e co desexo de contribuír á divulgación da vida e a obra deste persoeiro fundamental da historia contemporánea de Galicia, embarcámonos nesta singradura.
Porén, consonte iamos entrando en materia, fomos tomando conciencia da complexidade e magnitude desta tarefa debido ás múltiples e vizosas facetas do noso artista: caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, dramaturgo, ensaísta, político…
Sentímonos como eses homiños da estampa nº 2 do Álbum Nós que gabean por unha escultura xigantesca e baten arreo na pedra coas súas macetas de canteiro para lle dar forma a unha obra inmensa.
A nosa arela é pois achegar o noso gran de area a este labor infindo que supón a confección dunha guía completa das obras de Castelao que atesoura o Museo de Pontevedra.
Para organizarmos a información, decidimos crear varios apartados seguindo a orde en que se atopan expostas as obras na sala, de xeito que se facilite o máximo posible a visita. Dentro de cada apartado, o noso afán divulgador levounos a repartir o contido en varios niveis segundo o grao de interese da persoa visitante: Presentación xeral, Ler máis e Para ler aínda máis. Ao final de cada apartado engadimos as fontes de información das que bebemos.
Así e todo, por veces non nos resistimos á tentación de expresar os sentimentos e impresións persoais que nos producía a contemplación das obras, co único desexo de compartirmos coas persoas visitantes a nosa admiración por elas.
En canto á transcrición dos textos escritos por Castelao, en ocasións, para facilitar a súa comprensión, optamos por adaptalos á normativa actual, pois daquela non existía unha norma escrita. Habería que esperar ata o ano 1983 para que se publicasen as primeiras normas oficiais da lingua galega.
Por último, queremos agradecer o apoio recibido polo Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, que á parte de facilitarnos material, realizou connosco varias visitas guiadas que avivaron o noso interese pola vida e obra de Castelao.
Alumnado participante na Guía da Sala Castelao
- Valentín Barreiros Bermejo
- Víctor Costa Paz
- Iaione del Rosario Domínguez Herrera
- Evaristo Gallego Vilas
- Rut Gómez Alonso
- María González Devesa
- Carlos López Bran
- Cristina López Martínez
- Socorro López Rodríguez
- Fernando Montero Garrido
- Beatriz Redondo Floriano
- María Isabel Suárez Otero
- Carmen Vidal Ojea
Coordinación: Carlos Yus Respaldiza
Edición dixital: Kiko Fernández Mujico
Departamento de Galego
Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra Curso 2018-2019