9 – Cousas da vida

Cousas da vida
1922-1933
Tinta e papel

Durante os anos 1922 e 1925 Castelao publicou na portada do semanario vigués Galicia, dirixido polo seu amigo Valentín Paz Andrade, debuxos acompañados dun pequeno texto, nos que se amosaba o Castelao máis irónico e satírico quizais de toda a súa obra. Posteriormente, a partir do ano 1925, e tras pechar o xornal Galicia, continuou facendo semanalmente estes debuxos para o novo Faro de Vigo. En total, pode haber máis de 1500 debuxos, o que nos dá unha idea da súa enorme capacidade creativa.

Superada a etapa máis dura da ditadura franquista, a editorial Galaxia publicou unha antoloxía de todos estes debuxos baixo o mesmo título que Castelao empregaba nas súas publicacións: Cousas da vida. En total foron 6 tomos, o tomo I foi publicado en 1961, o tomo II en 1962 e o resto dos tomos, en 1971.

Os debuxos de Castelao de Cousas da vida están cheos de humor e caracterízanse pola sutil retranca, coa que recrea situacións nas que se testemuñan a censura, a miseria, a represión… daqueles anos, sen renunciar ao humor de situacións habituais e frecuentes da vida de entón.

Tal foi a capacidade de testemuñar a vida cotiá daquela época e con tal agudeza, que as xentes, principalmente campesiños, obreiros e das clases máis pobres, usaban a miúdo a frase “Sonche cousas da vida, por Castelao” para comentar calquera suceso ou anécdota cotiáns.

— Ler máis

Nestes debuxos, Castelao fai afiadas caricaturas sociais sobre os diferentes personaxes da sociedade daquel entón. Estas caricaturas aparecen agrupadas baixo diferentes temáticas, como son Cousas de nenos, Cousas de homes, Cousas de mulleres ou Cousas de animais.

Nos debuxos que se amosan na sala podemos constatar que as críticas que facía Castelao por este medio non quedan tan arredadas no tempo. Poñamos por caso o do home vello e cobizoso que está a contar os seus cartos na mesa mentres por detrás asoma unha muller. O pé é ben significativo: “O home que se casou con Ramona para aforrar unha criada”.

Ou o que figura debaixo deste. Nel vemos un home de leis no seu despacho pensando en como pode empregar os seus coñecementos para o seu beneficio propio ou dos da súa clase sen transgredir as leis. No pé do debuxo Castelao ironiza coa frase: “O home que sabe moitas leises para facer moitas trampas”. Previamente escribira “O home que confunde a legalidade coa xustiza”, (frase que aparece riscada).

Na terceira ilustración podemos ver unha moza nova, xeitosa e inocente cun canciño no colo ao que lle está a dar aloumiños mentres é observada por un home maior, barrigán e con mirada lasciva. Baixo este debuxo podemos ler “O home que quixo ser can e xa era un porco”.

No cuarto debuxo vemos un home sentado ben vestido pero magro e con cara enfermiza. O texto di: “O home qu´en dez anos de América gañou para un enterro de primeira”. Velaquí o humor traxicómico sobre os indianos enriquecidos que volven á terra para morrer pero que ata o final queren gabarse do seu éxito.

— Para ler aínda máis

Son múltiples os temas tratados nestas viñetas: os prexuízos sobre o idioma, como na que aparecen dúas señoras ricas que manteñen esta conversa: “- Ese muchacho dicen que sabe muchísimo. – Si; pero tiene un acento tan gallego…”; a desconfianza cara á política; as palabras sonoras como Xustiza, Lei e Orde que na práctica resultan baleiras para o pobo; a sangría migratoria, os impostos abusivos…

Moitas delas poden agruparse baixo títulos como Os cegos de Castelao, tema recorrente na súa obra pola gran solidariedade que sentía coas persoas que sufrían esta doenza, como xa temos comentado nesta guía. No debuxo publicado o 12-VIII-1928 (Faro de Vigo) con motivo das Festas da Peregrina de Pontevedra, Castelao deixa unha fonda amargura coa frase “Que Dios vos dea humor, benditiños, e non nos ollos!” e cun debuxo de dous cegos pobres que piden esmola.

Outros temas de crítica social agrúpanse baixo as temáticas de Os pobres e os mendigos nos que se fai unha mordaz crítica das diferenzas sociais e da hipocrisía da burguesía. Debuxos de mendigos que murmuran “Os ricos non queren vernos pedir porque os avergonzamos” ou “A fame mete máis medo có mar”.

Así mesmo, Castelao sendo de familia mariñeira séntese moi preto dos problemas do mar e das súas xentes, o que plasma nos debuxos que se agrupan baixo o nome O mar e os mariñeiros.

Tamén trata temas como “A lei e a xustiza”, “A propiedade” e “A emigración” nos que nos regala ilustracións tan emotivas e á súa vez incisivas como a publicada o 18-V-1924 na que un rapaz lle pregunta a súa nai: “E papá volverá rico?” e a nai contéstalle “Abonda que veña san, meu fillo”, ou na que un home afirma ante unha pía de libros de leis: “Todas estas son as armas que manexa a inxustiza”.

No último chiste de Castelao, publicado o 9 de abril de 1933 no Faro de Vigo, aparecen dous paisanos que manteñen esta lacónica conversa. Di o primeiro: “A República xa veu” e responde o outro: “Agora falta a autonomía”.

Finalmente, cómpre facer referencia á colección de láminas publicada en 1925 baixo o título de Cincoenta homes por dez reás, que consta de 50 debuxos realizados coa mesma técnica das Cousas da vida.

Castelao prologa o libro poñendo a atención no barato que resultan moitos homes (“eu daríavos mil homes polo mesmo diñeiro”) partindo da cantiga popular:

“Alabado sexa Dios,
que xa veu a barateza.
Os homes van a real,
catro por unha peseta!”


Bibliografía e materiais de consulta:


<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

 

 

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: