8. Ilustracións de obras literarias

Castelao ilustrou a maioría dos seus relatos onde acadou, en moitos casos, unha simbiose tal entre texto e imaxe que ambos os dous elementos se fan imprescindibles para comprender e gozar plenamente da súa creación literaria.

Capítulo á parte supoñen os deseños de decorados e figurinos que fixo para a súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse e que son obxecto dun apartado específico nesta guía.

Antes de mergullarnos nas ilustracións de obras propias, fixémonos nunha das imaxes que fixo para o libro doutro autor.

Ilustración do poema “En la noche aldeana” (Meditaciones) de Antonio Rey Soto
1915
Técnica mixta e papel

Antonio Rey Soto foi un sacerdote, escritor e bibliófilo, membro da Real Academia Galega e, naquela época, amigo de Castelao, ao que casou na Estrada con Virxinia Pereira o 12 de outubro de 1912.

En agosto de 1922 fundou en Vigo, xunto a Antonio Méndez Laserna e Carlos Reguenga, a produtora cinematográfica Celta Film. O principal obxectivo da sociedade era facer películas sobre Galicia e Asturias para complementar as conferencias literarias do propio Rey Soto, que vai ser o director artístico da empresa.

A finais de 1923 embarcou cara a América para amosarlles o filme Un viaje a través de Galicia y Asturias aos emigrantes que alí vivían. A experiencia non resultou ben e Rey Soto ficou moi decepcionado pola escasa acollida da película. Non obstante, permaneceu en América ata 1931.

Ao igual que Herminia Fariña, tras o golpe de estado do ano 1936 contra o Goberno da República e a posterior vitoria do bando franquista, tomou un claro partido a prol do novo réxime, o que acabou coa amizade que había entre el e Castelao.

Con todo, Castelao, durante a súa estadía no Madrid bombardeado acotío polas tropas sublevadas e dende o seu cargo de deputado pola Fronte Popular no parlamento republicano, conseguiu salvar das bombas a valiosa biblioteca que posuía Rey Soto na chamada Casa de las Flores, no barrio de Argüelles. Hoxe en día esta biblioteca atópase no Mosteiro de Poio e contén numerosos libros dos séculos XV e XVI.

No Museo de Pontevedra tamén se conserva o retrato que Castelao lle fixera para outra das súas obras chamada Nido de áspides (1913) e mais unha caricatura que constitúe un claro exemplo dos principios de síntese e expresividade que preconizaba Castelao para esta arte.

Na ilustración que nos ocupa, observamos unha escena no interior dunha cociña con dous escanos, un xerro, unha cunca e unha garabullada na lareira. Dúas mulleres labregas e un home atenden con interese as palabras dun cego ao que seguramente acaban de ofrecerlle unha cunca de viño. A luz incide na camisa, no rostro e na man alzada do narrador, que centra tamén a mirada dos outros tres personaxes.

Esta obra está pois intimamente relacionada coa serie de debuxos e cadros sobre cegos que Castelao realiza sobre todo a partir do ano 1914 en que sofre un desprendemento de retina e que marca o inicio dos graves problemas de visión que padeceu durante o resto da súa vida.

Neste caso, o cego narrador aparece retratado como un sabio ou un mestre cuxas palabras engaiolan os oíntes. Incluso o xesto da man evoca o das imaxes dos santos ou mesmo o das representacións dos cristos das portadas románicas.

Para saber máis sobre os cegos na obra de Castelao, podemos ler o comentario dos grandes lenzos procedentes do Balneario de Mondariz, que tamén se expoñen na sala.

Esta ilustración foi publicada no nº 28 da revista La Ilustración Española y Americana, en xullo de 1915.

Ilustracións de obras literarias propias

A obra literaria de Castelao, malia ser relativamente breve, ocupa un lugar sobranceiro na historia da literatura galega. Isto xa foi recoñecido polos seus contemporáneos, que o nomearon membro da Real Academia Galega no ano 1926.

Alén da obra teatral Os vellos non deben de namorarse e mais do ensaio Sempre en Galiza, dos cales nos ocupamos en senllos apartados desta guía, a súa obra narrativa redúcese a catro títulos: Un ollo de vidro (1922), os dous libros de Cousas (1926 e 1929), Retrincos e a novela Os dous de sempre, ambos de 1934.

Tal como dixemos no capítulo dedicado á concepción da arte para Castelao, a función dos seus relatos non é só deleitar senón transmitir ideas, provocar emocións e espertar conciencias. Para isto válese dun estilo en aparencia sinxelo mais profundamente elaborado no que non sobra nin falta ningunha palabra. Como sinala Gonzalo Navaza, “utiliza uns procedementos de síntese e intensidade emotiva doadamente asociables aos trazos esquemáticos de liña limpa que caracterizan os seus debuxos”.

Isto fai que os seus textos, ao igual que os seus debuxos, sexan comprendidos e gozados por todo tipo de persoas á marxe do seu nivel de estudos.

Non fai falta subliñar que o Castelao escritor segue bebendo das fontes da cultura popular adobiadas co humor que caracteriza a súa obra gráfica. Na súa prosa atoparemos pois de novo crítica social, humor e lirismo, que atinxe á forma e aos contidos, con abondosos recursos expresivos (anáforas, comparacións, paralelismos…) e cunha esmerada selección léxica que procura, sobre todo, efectos rítmicos.

En ocasións é tal a intensidade lírica acadada que os seus relatos poden ser considerados como poemas en prosa.

Por outra banda, a maioría dos textos, mesmo os que están engastados a modo de capítulos nunha obra extensa como Os dous de sempre, posúen certa unidade formal e de contido. Presentan un inicio, un nó e un desenlace, coma se fosen estampas independentes dun mesmo álbum.

Como complemento dos relatos e, moitas veces, como parte indisoluble deles, realiza unha serie de ilustracións das que podemos admirar unha escolma nesta sala do Museo de Pontevedra.

O pai ensoñado
1929
Técnica mixta e papel

É unha agarimosa ilustración do relato O pai de Migueliño, publicado en 1929 no segundo libro de Cousas, considerado como o libro máis orixinal do narrador Castelao. Está constituído por pequenos relatos independentes cargados de lirismo con cadansúa ilustración onde ambos os dous elementos artísticos forman unha unidade.

Coidamos que o mellor xeito de gozar desta obra e de comprender o que levamos dito sobre a prosa de Castelao é ler o relato que acompaña esta ilustración e que di así:

“O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ao retrato.

Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai soñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai!, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar. Tiña un porte de tanto señorío! Ai!, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ao retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo…

Aquel si que era o pai de Migueliño”.

Tal como escribe Gonzalo Navaza: “Na narración do pai de Migueliño, o motivo do emigrante fracasado, un tema tradicional na narrativa galega desde o século XIX, ten sen dúbida a súa obra mestra, modélica na dosificación da información, na modalización (a narración en terceira persoa pero a perspectiva do neno), ademais da intensidade emotiva e a capacidade sintética características da narrativa de Castelao. Trátase sen dúbida, malia a súa brevidade, dunha das obras mestras da narrativa galega”.

Tecnicamente, no debuxo, Castelao emprega a liña de modo moi esquemático e sinxelo pero sen renunciar aos detalles. Isto podémolo observar no pano que sobresae do peto de Migueliño, nas engurras do pantalón, no seu floco, nas pallas que asoman por debaixo da cadeira etc.

Existe unha adaptación ao cine de O pai de Migueliño, dirixida polo ourensán Miguel Castelo en 1977, que está considerada como un clásico do cinema galego. O filme, de once minutos de duración, como sinala Valentín Barreiros Bermejo, “posúe un carácter mítico e evocador e reflicte axeitadamente a personalidade e idiosincrasia do mundo rural galego, mostrando os problemas da emigración, o analfabetismo e a diglosia”.

Cego
1926
Tinta e papel

Esta ilustración foi a cuberta da primeira edición do seu libro Cousas, en 1926. Aparece representada de xeito extraordinario a figura dun cego sentado en actitude de pedir esmola cun prato nas mans.

Tecnicamente é un clarísimo exemplo da combinación de estilos que translocen moitas obras de Castelao. Á pegada da arte modernista, caracterizada pola vizosa decoración inspirada na natureza, súmanse os trazos case expresionistas do rostro chuchado e das mans osudas da figura central.

Semella que a nai natureza, representada nesa infinidade de follas e flores a modo de horror vacui (horror ao espazo baleiro), envolve agarimosa no seu seo o fillo desamparado pola sociedade.

Tendo en conta os problemas de visión do noso artista, podemos imaxinar o enorme cariño con que Castelao realizou durante horas e horas este traballo tan minucioso para conseguir arroupar unha das figuras máis queridas e simbólicas da súa iconografía.

Mesmo na propia indumentaria, nas mans e no rostro do cego continuou o seu labor de ourive para nos transmitir a dignidade da súa imaxe fundida cos elementos naturais.

Dúas “cartelas” lisas contrastan coa profusión de ornamentos vexetais e fan destacar no tipo de letra ideado polo propio artista o título do libro Cousas e o nome do autor Por Castelao. O apelido materno precedido da preposición “por” era a firma que adoitaba aparecer tanto nos debuxos da prensa coma nos carteis publicitarios das súas obras.

O bruxo da montaña
1929
Técnica mixta e papel

O bruxo da montaña aparece no segundo libro de Cousas en 1929.

Esta ilustración acompaña un texto sobre un personaxe fundamental na sociedade rural daquela época, o bruxo, menciñeiro ou curandeiro. Trátase dunha persoa con coñecementos de medicina natural a quen se lle atribúen poderes sobrenaturais, que realiza curacións, adiviña o porvir etc.

Tras a narración dun rito para favorecer un namoramento, que pode ser considerado desde unha mentalidade urbana como unha superstición, Castelao preséntanos un home que é quen de dominar as forzas da natureza.

O final do relato di así:

“Eu vino unha noite de tormenta á luz dun lóstrego, esconxurando os nubeiros, e axiña me decatei de que o bruxo ten un espírito que vén doutras idades, que é un sabio que non sabe cando foi poeta.

O bruxo empurraba as nubes coma se fosen carneiros e berráballes:

– Tronos ao mar! Tronos ao mar, que alí hai ben onde se afogar! Tronos ao mar!

O bruxo defendendo a montaña.”

En multitude de ocasións manifestou Castelao a súa preferencia polo medio rural fronte ao medio urbano, pola cultura popular que nace do contacto cotián coas leis da natureza fronte á requintada e artificiosa cultura das cidades. Neste relato dignifica a sabedoría do vello emparentándoa cun saber antigo que lembra o dos druídas celtas fronte a aqueles que o poidan tachar de tolo.

O bruxo utiliza os seus poderes para arredar da aldea montañesa a tronada, un dos maiores perigos que subxacen, e con razón, no maxín do pobo, pois pode provocar múltiples desgrazas ante as que os humanos se atopan totalmente indefensos. É unha ameaza que provén do mesmo ceo irado de quen ninguén pode escapar.

A presenza da cor negra, o trazo nervioso e o xesto cos brazos en alto e as mans arqueadas danlle unha grande expresividade á figura humana, que é iluminada polos lóstregos da tormenta. As siluetas brancas do hórreo e mais das casas detrás do vello representan as xentes indefensas, obxecto da súa protección.

A tola do monte
1926
Tinta e papel

É unha expresiva ilustración publicada en 1926 na primeira edición do seu libro de relatos Cousas.

Cómpre subliñar que o tema “das tolas” é tratado por Castelao en varias ocasións. Así podemos atopalas no Álbum Nós e en Atila en Galicia. En todos os casos encarnan vítimas dos abusos dos poderosos e a súa situación é consecuencia directa da opresión exercida por estes sobre elas. Dan boa mostra da solidariedade que sentía coas persoas marxinadas e da súa vontade de denunciar a súa situación fronte á sociedade que as arredaba.

Se lemos o texto que acompaña a imaxe apreciaremos a habilidade literaria de Castelao para transmitirnos esta realidade arrepiante:

“Aínda era eu médico rural e subía por un camiño da serra. Os casais estaban lonxe, os arboredos tamén e por alí non había máis que toxos e pedras.

No curuto avistei a figura dunha muller que me chamaba coa man, e o petrucio que camiñaba de par do meu cabalo contoume:

– Malpocadiña! Chámanlle a tola do monte. Era unha rapaza ben asisada e bonita coma un sol e din que foi unha meiga quen a enfeitizou e despois de perder o xuízo tívolle un fillo e contan que foi do demo…

Por riba da tola do monte voaba un miñato”.

Velaquí a badalada final tan característica dos relatos breves de Castelao que nos remexe as entrañas. O miñato é unha ave de rapina que representa o violador da rapaza, seguramente de clase alta.

A moral da sociedade, profundamente machista e servil ante o poder, non quere ver a realidade e inventa hipocritamente unha xustificación para negarlle un mínimo amparo á moza aldraxada.

Na vitrina que hai baixo as ilustracións, expóñense tres edicións de Cousas que tiña Castelao na súa biblioteca persoal.

Un ollo de vidro. Memorias d´un esquelete
1922
Exemplar especial, pertencente á biblioteca persoal do autor, editado en Ferrol pola Editorial Céltiga

Estamos ante a edición da primeira obra literaria de Castelao, cuxa versión inicial estaba incluída na conferencia de 1920 sobre Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura. Isto e mais o debuxo da portada, unha caveira cun ollo que nos fita, xa nos dá pistas sobre o seu contido.

Trátase dunha novela humorística breve engastada na tradición literaria e popular da temática de ultratumba. A narración en primeira persoa corre a cargo dun esqueleto que foi enterrado cun ollo de vidro que lle puxeran en vida. Este sérvelle para ver o que fan os demais esqueletos cando saen das tumbas e para describir cun fino espírito crítico o que acontece entre os muros do camposanto.

Tal como escribe Gonzalo Navaza: “A temática dos mortos e da morte permítelle a Castelao desenvolver a súa idea de humorismo como conxunción de elementos cómicos e elementos tráxicos”. O humorismo entendido tanto como mecanismo para relativizar e enfrontar as adversidades da vida como o xeito de liberárense os pobres e asoballados da inxustiza dos poderosos. O humor liberador dos pobres fronte á burla que fan os ricos dos débiles.

Así mesmo, a través da lectura desta noveliña podemos descubrir as ideas políticas e sociais de Castelao exemplificadas nas “vidas” presentes e pasadas dos diferentes esqueletos. Entre elas cabe salientar a expresiva e clarificadora imaxe coa que representa o caciquismo a través dun habitante moi peculiar do cemiterio. Se cadra, a máis nítida e precisa de cantas lle dedicou a esta lacra da sociedade rural galega ao longo da súa obra.

Como é lóxico, tanto a portada como as ilustracións interiores son do propio Castelao. Nelas podemos apreciar reminiscencias das medievais danzas dos mortos e das pinturas de Brueghel. Tamén se ten sinalado que esta “querenza” de Castelao polos esqueletos e pola representación das doenzas dos corpos ten moito que ver cos estudos de Medicina que realizou en Santiago de Compostela.

Versión de O enterrador, meu amigo
Cara a 1922
Técnica mixta e papel

Velaquí temos o rostro do enterrador que supostamente lle facilitou a Castelao o ollo de vidro e mais os manuscritos que constitúen o texto de Un ollo de vidro. Memorias d´un esquelete, e que atopara na caixa do esqueleto narrador.

De novo temos un claro exemplo da conxunción entre texto e imaxe. Lembremos unhas poucas palabras da súa caracterización. Escribe Castelao, con fina retranca: “Un enterrador de cidade que ispe e descalza os mortos para surtir as tendas de roupa vella, ten de ser home que lle cómpre a un humorista. Un enterrador que saca boa soldada co ouro dos dentes das caveiras, tiña de ser meu amigo”.

Ilustracións da novela Os dous de sempre
1934
Tinta e papel

No ano 1934 Castelao publica a súa obra literaria máis longa, a novela Os dous de sempre. O propio título xa enmarca o libro na tradición das obras como O Quixote, onde os protagonistas son dous personaxes que encarnan dous xeitos diferentes de concibir a vida. Tense sinalado tamén o paralelismo coas novelas picarescas.

Neste caso, trátase de Pedriño e mais Rañolas, amigos dende a infancia, pero con caracteres ben diferentes. Pedriño é un lacazán e comellón, cheo de mecos e sen personalidade ningunha que non ten outra aspiración na vida que encher o bandullo traballando o menos posible. O seu carácter apoucado convérteo sempre nunha vítima: na escola, no traballo, no matrimonio, na emigración.

Pola contra, Rañolas, é un rapaz eivado das pernas e nacido e maltratado nun ambiente miserable que quere progresar na vida a poder de traballar e de aprender. Ambos os dous coñecerán a emigración con resultados ben diferentes: Pedriño fracasa na Arxentina e Rañolas triunfa en París (un triunfo relativo, realmente). Malia levaren vidas totalmente diferentes, nunca perderán a amizade da infancia.

Como é habitual en Castelao, o humor reviste todos os episodios do libro, provocando nuns casos a risa e noutros, a compaixón, como no caso do capítulo XII titulado Unha proba da tenrura de Rañolas, unha verdadeira xoia narrativa.

Son constantes os elementos que aparecen na novela relacionados coa propia vida de Castelao, como por exemplo as súas estadías na Arxentina de rapaz e en París na viaxe que fixo en 1921.

En canto á forma da narración, malia seguir o fío argumental das vidas dos protagonistas, Castelao trata cada un dos seus corenta e catro capítulos como un relato en si, coa súa presentación, desenvolvemento e desenlace.

No final de cada capítulo hai unha ilustración realizada polo propio autor que complementa, moitas veces de forma moi gráfica, o que se conta nel. Na sala atopamos unha boa escolma delas (30) e, para testemuñar o antedito, podemos fixarnos na do bebé envolto nas froitas ou na do rapaz que lle come as mazás ao porco.

No tocante ao estilo ulilizado nos debuxos, predomina a liña e o sombreado con liñas.

Na vitrina que está baixo os debuxos, amósase un exemplar singular desta novela, que pertencía á biblioteca persoal de Castelao e cuxas ilustracións foron coloreadas por el mesmo. Ao seu carón, podemos ler tamén a reprodución da curiosa dedicatoria que escribiu nel o autor da novela, é dicir, o propio Castelao, e que representa un claro exemplo do humorismo que preconizaba.

Di así: “Adícolle este exemplar único ó escuro Xefe de Negociado de 2ª crás do “Corpo Nacional de Estadística”, Don Alfonso Rodríguez Castelao, meu vello e inseparabel amigo, que traballa para manterme, e que pol-a proteición e amistade que me dispensa acaba de ser desterrado a Badajoz. O autor Novembro de 1934”.

É dicir, que llo dedica a si mesmo afrontando con humor a orde de traslado forzoso a Badaxoz que acaba de recibir dos seus superiores, por mandato do goberno conservador da República daquel momento. Orde que debe acatar se quere conservar a praza de funcionario de estatística, coa que se mantén, aínda que se trate dunha represalia polo seu labor a prol do galeguismo. Terá que permanecer case un ano naquela cidade.

Retrincos
Publicado en 1934 con textos escritos con anterioridade

Debaixo do exemplar de Os dous de sempre, atópase un exemplar do libro Retrincos, editado tamén pola editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal, e pertencente así mesmo á colección persoal de Castelao.

Consta de cinco relatos narrados en primeira persoa que están inspirados noutros tantos momentos da vida do autor, desde a súa infancia na pampa arxentina, cando tiña once anos de idade, ata a súa elección como deputado nas Cortes españolas polo Partido Galeguista, cando xa fixera os 45.

Supoñen, se cadra, o cumio da súa obra narrativa onde se conxugan todas as características que fomos mencionando: mensaxe, humorismo, comprensión para todo tipo de lectores, capacidade sintética e intensidade emotiva, sobre todo, no final de cada relato.

De entre todos eles, destaca pola súa grande emotividade o último relato, o titulado Sabela.


Bibliografía e materiais de consulta:


<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: