7 – Álbum Nós

Álbum Nós
1916-1918
Augada, papel

Nós é un álbum de 49 estampas, un limiar mais un autorretrato ao comezo e o exlibris do propio artista ao final, que circulou primeiro como exposición (1920- 1924) e máis tarde (1931) foi editado nun álbum pola editorial Hauser e Menet en Madrid. Supuxo o recoñecemento de Castelao como artista de gran relevancia e, así mesmo, comprometido co pobo galego. Hoxe en día, temos a fortuna de poder contemplar todos os orixinais nesta sala do Museo de Pontevedra.

Estes debuxos foron feitos, segundo a afirmación do propio autor no limiar, “antr´os anos dezaseis e dezaoito” coa clara intención de “desacougar a todol-os licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a todol-os homes que vivían do favor oficial” e de dar a coñecer o sufrimento histórico da Galicia rural. Van acompañados por un texto escrito á man que, en moitos casos é o que nos proporciona a clave para comprender con nitidez a mensaxe que nos quere transmitir. Cabe lembrar que a lingua escrita utilizada por Castelao non segue a norma actual, pois habería que esperar ata o ano 1983 para que se publicase a primeira normativa oficial da lingua galega.

Tal como dixemos noutro apartado desta guía, a arte para Castelao debe actuar como estímulo ou, neste caso, como revulsivo, para provocar un cambio social e político a prol dos máis desfavorecidos. Neste senso, é moi significativo que na estampa nº 1 (o número figura na esquina superior dereita), que á vez fai de prólogo, apareza o esqueleto dunha muller embarazada cun feto morto e un meniño vivo e repoludo en alto. Se nos fixamos no cranio do feto, veremos que ten un burato producido por unha bala. Trátase dunha das mulleres labregas que mataron as forzas gobernamentais durante as protestas de carácter agrarista de Oseira, Nebra ou Sofán. A estampa cobra así un forte carácter simbólico de renacenza e esperanza no porvir, reforzada pola estrela branca de cinco puntas que loce no alto e que será un dos símbolos do galeguismo.

Coa estampa nº 2, na que aparece unha estatua xigante e varios homiños a traballar nela, Castelao fai calar as posibles críticas que poida suscitar a súa obra ou, nun plano máis xeral, as que poida provocar o proxecto de reivindicación galeguista que se está a forxar naquel momento. E faino da mellor maneira posible, invitando a todo aquel que queira a sumarse á empresa común.

Velaquí un claro exemplo do carácter universal e atemporal que teñen moitas das estampas. A pouco que paremos a pensar, lembraremos numerosos casos actuais e próximos a nós aos que se lles podería aplicar esta ensinanza: “Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos”.

O conxunto de imaxes supón un fito na arte plástica galega, xa que por primeira vez quedan plasmados os homes, mulleres, nenos e nenas do rural e das aldeas mariñeiras como os verdadeiros sufridores da historia. Castelao denuncia abertamente as causas que provocan a miseria dos labregos e mariñeiros e que os obrigan a emigrar: o caciquismo, os impostos, os foros, as leis inxustas, o centralismo, o recrutamento forzoso para as guerras coloniais, a represión, os abusos dos poderosos…

Tal como sinalan Mª Ángeles Tilve Jar, José Manuel Castaño García e Xosé Carlos Valle Pérez no catálogo da exposición catálogo da exposición Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936, os debuxos de Castelao do Álbum Nós “son berros gráficos de denuncia nos que, cunha depurada síntese expresiva, combina humorismo macabro, simbolismo, realismo tráxico e a súa peculiar ironía, a retranca galega, para ofrecer unha reivindicativa e conmovedora visión da realidade do País e, en palabras dos seus contemporáneos, plantarlles cara ao caciquismo e ao centralismo que o sostén”.

Estes debuxos poden ir desde os de enorme crueza, como a estampa número 22 “O fracasado da emigración” e a número 30 “- Eu non quería morrer alá. Sabe, miña nai?” sobre o fracaso da emigración, ata as nacidas da inxenuidade infantil, e non por iso menos reveladoras dunha terrible realidade, como a número 23 “- Que comerá o rei? – Comerá, comerá… azucre!”.

Cómpre salientar o caso da estampa número 46, coa que Castelao confeccionou no ano 1936 un dos seus carteis para a campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia e que reza esta frase tan significativa: “- A nosa Terra non é nosa, rapaces.”

Fixémonos na singularidade da estampa número 48. Nela aparece un demo alado xigantesco que observa cunha lupa o planeta Terra e que se pregunta con sarcasmo: “I-este é o mundo que fixo Deus?”. Tales son as maldades, miserias e inxustizas que atopa nel que máis ben parece obra súa.

Curros Enríquez Mirando ao chau, do libro Aires da miña terra (1880), onde un Deus velliño, estrañado porque son moi poucas as almas que entran no Paraíso, decide deixar este para dar un paseo polo mundo terreal. Tras observar as múltiples calamidades e inxustizas que provocan os seres humanos, volve ao Paraíso persignándose arrepiado e dicindo: “Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve!”

Por outra banda, este tipo de personaxes imaxinarios e mitolóxicos, na liña de Brueghel e do Bosco, son frecuentes ao longo de toda a obra plástica de Castelao e contrastan coa representación do mundo real que a caracteriza. En parte, isto pode responder a unha necesidade de evasión e de liberdade creativa, mais, en moitos casos, acaba dotándoos dunha forte carga simbólica coa que denuncia unha cruel realidade. Lembremos como exemplo a estampa do álbum Milicianos, onde aparece un fauno sentado nunha caveira e tocando a modo de frauta travesa un fémur co texto: “Eisí sería Hespaña”.

Antes de convidar a facer un percorrido persoal polo Álbum Nós, queremos destacar a importancia do texto que acompaña cada estampa. O da número 12 “Non son pastores de Belén; son labregos que van paga-los foros.” é un claro exemplo da intención do autor de amosar a dura realidade dos labregos fronte a unha visión folclórica do mundo rural. Algunhas apenas levan debaixo un par de palabras pero, ao comparalas con outras, adquiren unha grande expresividade. Poñamos por caso a número 45, A verdade, e a número 49, A felicidade..

— Ler máis

Na concepción formal desta obra está presente o influxo das series gravadas de Goya, artista que Castelao admiraba e do que adquirira unha destacada primeira edición de Los Caprichos, conservada na actualidade no Museo de Pontevedra. Coma eles, os deseños móstranse acompañados duns pés literarios moi depurados nos que, por veces, recae plenamente a carga expresiva da mensaxe.

A repercusión social da Exposición Nós resultou enorme. Exhibida por primeira vez ao público do 2 ao 22 de marzo de 1920 no salón do Círculo de Artesáns da Coruña, viaxaría nos seguintes catro anos por toda Galicia e mais por Barcelona e Madrid. A presentación da exposición en cada unha das cidades era acompañada de conferencias de intelectuais galeguistas e mais do propio Castelao.

En palabras de Valentín Paz Andrade “O Álbum Nós foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescubrimento dun pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha badalada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecemento social que viría destinado a soerguer o espírito de Galicia”.

Malia a afirmación do autor no limiar sobre as datas concretas en que realizou os debuxos, entre os anos 1916 e 1918, algúns deles teñen precedentes anteriores e tamén hai algún posterior a 1918.

Por outra banda, algunhas das estampas foron publicadas tamén en revistas e xornais nos que colaboraba Castelao como debuxante; como, por exemplo, a revista Suevia, de Buenos Aires. Revista nada en 1915, de corte modernista e escaso percorrido no tempo. Nela apareceron estampas que logo serán incluídas no álbum como a número 13, Dous vellos amigos: os foros e as oblatas, descrita por María Victoria Carballo-Calero como un debuxo expresionista e moi valleinclanesco, de estética modernista cuxo protagonismo está repartido por igual entre figuras e paisaxe. Ou a a estampa número 36, ¡Ay meu homiño, e qué bonito vas co traxe das romerías!, que constitúe un exemplo de humor macabro, suavizado ao pasar ao álbum.

A partir de 1918, Castelao comeza as súas colaboracións co xornal madrileño El Sol, fundado por Ortega y Gasset. Neste xornal publicaranse os seus debuxos cun pé en castelán e unha lenda que, ás veces, conserva a lingua galega. Carballo-Calero destaca que no álbum a técnica da augada posibilita unha ambientación obtida a base de contrastes e sombreado inexistente nas publicadas no xornal.

A primeira colaboración é a estampa número 3, – Que lástema de bois! , que aparece na portada co título en castelán Pensando en los toros e a presentación na lenda do personaxe, El campesino gallego, a modo de crítica da chamada “festa nacional” a través dos ollos dun labrego galego, que nunca entenderá que se poida facer un espectáculo deste tipo cun animal que para el supón unha forza de traballo e unha fonte de riqueza fundamentais.

A estampa número 4, “Dou seu fillo para Cuba e o seu neto para Melilla, mais agora non ten cartos para pagal-os trabucos. Quedará sen chouza”, de temática anticaciquil, aparecerá en El Sol baixo o título El campesino e unha lenda lixeiramente modificada “Dio a su hijo para Cuba, su nieto para Melilla… y a él le da el cacique un diputado al que no conoce”.

O tema da emigración é un tema fundamental na obra de Castelao, unha das estampas máis representativas desta temática é a estampa número 32, En Galiza non se pide nada, emígrase, que no ano 1918 aparece publicada en El Sol co título Éxodo cuxa lenda achega unha pregunta previa cun matiz desprezativo aínda vixente hoxe en día: “Y estos ¿piden también la autonomía? No, los gallegos no piden nada, emigran”.

— Para ler aínda máis

Estes son os debuxos orixinais do Álbum Nós (tal como nos demostran os textos escritos aínda con lapis), que estiveron perdidos, ou polo menos en paradoiro descoñecido, durante máis de oito décadas. A súa pista perdeuse arredor do ano 1930 e en 2016, grazas ao traballo de investigación dos conservadores do museo Ángeles Tilve e José Manuel Castaño, foron localizados nunha colección dos descendentes de José Lino Sánchez, avogado pontevedrés e veciño e amigo íntimo de Castelao durante a súa estadía en Pontevedra.

Castelao regaloulle a colección enteira das láminas orixinais como proba de amizade, pois ambos os dous, ademais de seren veciños na rúa da Oliva 4-6 entre os anos 1928 e 1936, compartiron numerosas inquedanzas persoais, culturais e políticas.

José Lino cadrou con Castelao en 1922 na Xuntanza de Estudios e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo precedente do Seminario de Estudios Galegos e, ademais de ser tamén asiduo da casa de Losada Diéguez, participou na fundación do Partido Galeguista.

No ano 2021 o Museo de Pontevedra adquiriu toda a colección, que xa fora cedida polos descendentes de José Lino para a súa exhibición na Sala Castelao e que, deste xeito, pasou a formar parte da colección permanente do museo.


Bibliografía e materiais de consulta:


<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: