3 – Castelao e a caricatura

Malia que xa de pequeno Castelao gustaba de debuxar, o primeiro contacto que tivo coa caricatura foi na Arxentina á idade de 12 anos, a través da revista Caras y caretas, que recibía o pai na tenda que rexentaba no medio da Pampa.

Xa de volta en Galicia, tras cursar o bacharelato artístico e asistir a clases particulares de debuxo, foi practicando esta expresión artística ata acadar gran sona nos ambientes universitarios de Santiago de Compostela, onde cursaba a carreira de Medicina. Como membro da tuna, ademais de cantar e tocar a guitarra, durante as actuacións realizaba in situ caricaturas de persoas escollidas entre as asistentes, que espertaban a admiración do público.

En 1910 publica caricaturas do cacique Viturro no semanario rianxeiro El Barbero Municipal, que fundara cuns amigos, e posteriormente comeza a facelo en numerosos semanarios: El Liberal, La Tribuna, El Parlamentario, El Gran Bufón, Mi Tierra, Suevia…

Ao mesmo tempo, desenvolve a súa teoría sobre a arte, o humorismo e a caricatura e dá varias conferencias verbo desta temática. Plasma as súas ideas en varias publicacións das cales podemos ver tres mostras na vitrina central da sala.

Trátase das edicións das conferencias Algo acerca de la caricatura, realizada na tipografía pontevedresa Viúda de Landín en 1917; Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura, tamén na Coruña en 1920 (folla de posibles apuntamentos destas conferencias).

Nelas podemos ler estas palabras: “A caricatura é unha arte superior, consciente, baseada na simplicidade, que suprime o inexpresivo, selecciona, non esaxera senón que escolle. O seu valor é que expresa ben. Sintetiza en poucos trazos un carácter… a expresión, o xesto son universais, non precisan tradución”. E tamén: “A caricatura non consiste en esaxerar os trazos senón en facer selección dos esencialmente expresivos”.

Como exemplos desta teoría podemos contemplar na mesma vitrina as caricaturas que fixo de Antón Losada Diéguez, de Vicente Risco, de Ramón Cabanillas e del mesmo acompañado da súa dona Virxinia Pereira, na que sobresae a súa grande estatura.

Cómpre salientar que son moitas as caricaturas que fixo de si mesmo, como a que podemos ver ao comezo da sala, sobre fondo verde. Trátase dunha das máis icónicas: a figura estilizada e lixeiramente encorvada con traxe, sombreiro e lazo negros, pano no peto da chaqueta, lentes redondas e cigarro fumegante.

Por último, fixemos a atención na caricatura dun home vestido de negro cos brazos en alto e os puños pechados que está colgada nesta mesma parede preto da esquina da sala. Trátase do sacerdote e xornalista Basilio Álvarez, cofundador do partido Acción Gallega e un dos principais líderes do movemento agrarista e anticaciquil que durante o primeiro cuarto do século XX loitou por conseguir a propiedade da terra para os labregos e a abolición do sistema dos foros.

Os foros eran uns contratos medievais que pesaban sobre a sociedade rural galega. Mediante estes contratos, o campesiñado tiña que pagarlles aos donos das terras unha renda, que adoitaba ser bastante elevada, polo uso da terra. Esta carga condenaba o campesiñado a unha agricultura de subsistencia e impedía a modernización do agro.

Basilio Álvarez, coñecido como O cura de Beiro, por ser esta localidade de Ourense a súa parroquia, fíxose famoso polas afervoadas arengas que lles dirixía aos labregos acompañadas de vehementes acenos. Os seus sermóns causaban sensación. A súa palabra acendida, elocuente e sinxela fíxose obrigada en todas as grandes xuntanzas. Castelao, que se adherira tamén ao movemento agrarista, retratouno en varias ocasións, sempre co cabelo crecho, unha ou ambas as mans alzadas cos puños pechos, a súa extraordinaria corpulencia e a sotana ao vento.

A dedicación á causa antiforal custoulle a Basilio ser apartado da súa parroquia polo arcebispo de Ourense, polo que decidiu deixar a Igrexa e vivir da avogacía sen abandonar a loita agrarista. Como voceiro deste movemento, en 1921 fundou o xornal La Zarpa, onde ademais de Castelao, colaboraron a maioría dos escritores e intelectuais galeguistas da época: Ramón Cabanillas, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda, Valentín Paz-Andrade, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Villar Ponte, Antonio Rey Soto…

Finalmente, en 1926 a loita agrarista conseguiu os seus obxectivos non sen antes sufrir unha longa represión por parte dos diferentes gobernos, que supuxeron numerosas vítimas mortais entre as xentes labregas como nos sucesos de Oseira- San Cristovo de Cea (1909), de Nebra-Porto do Son (1916), Sofán-Carballo (1919) e Sobredo-Tui (1922).

Basilio Álvarez alternou a avogacía co xornalismo e a política onde chegou a ser deputado polo Partido Radical. Vestiu de novo a sotana e mesmo interveu na tribuna do Congreso dos Deputados con ela posta.

Tras o golpe de estado de 1936 tivo que exiliarse a Buenos Aires primeiro, onde cadrou con Castelao, e despois a Cuba e Florida onde morrería na cidade de Tampa en 1943.


Bibliografía e materiais de consulta:

  • Catálogo da exposición “Castelao”, realizada no Real Jardín Botánico de Madrid do 3 de marzo ao 13 de abril de 1986 con motivo do centenario do seu nacemento. Ministerio de Cultura. Centro Nacional de Exposiciones. Dirección General de Bellas Artes y Archivos
  • Basilio Álvarez na Galipedia
  • “Basilio Álvarez”, artigo publicado no xornal La Hora, en Santiago de Chile o 20 de novembro de 1943 por Ramón Suárez Picallo con motivo do pasamento de Basilio Álvarez

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: