2 – A creación artística para Castelao

Pódese considerar todo o conxunto da obra artística de Castelao, tanto plástica como literaria, como un corpo unitario e coherente. Todo responde á súa concepción sobre a arte, que manifestou en numerosas ocasións.

Citemos como exemplo a seguinte afirmación realizada no seu discurso do 2 de xullo de 1944 na homenaxe que se lle tributou en Buenos Aires con motivo da publicación do seu libro fundamental, Sempre en Galiza, acto arroupado por máis de mil cincocentos comensais, con representación da emigración galega, de republicanos españois, de nacionalistas vascos e cataláns e de intelectuais e políticos arxentinos:

“Eu non cultivei xamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis que un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lapis ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e esperanzas. Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra, non quedaría nada dela.”

Ou estoutra anécdota que tivo lugar nunha das exposicións dos debuxos que máis adiante formarían o Álbum Nós: achegóuselle a Castelao unha señora burguesa, escandalizada polas imaxes que acababa de ver e espetoulle: “¿Por qué retrata usted un país tan horrible, tan miserable, siendo Galicia un país tan hermoso?” e Castelao respondeulle: “Ai, señora, é que eu non teño vocación de estupefaciente”.

Resposta tan contundente e transparente reflicte á perfección o espírito da plástica de Castelao e explica o estilo realista do que sempre fixo gala, pois matinaba que os seus debuxos tiñan que ser eficaces na denuncia do atraso, a marxinación e a miseria endémica de Galicia, tiñan que comunicar o mellor posible co pobo, e chegar ao maior número posible de persoas. Isto explica por que Castelao adopta e defende o realismo fronte a outras correntes estéticas das vangardas do seu tempo como o dadaísmo, o cubismo ou o construtivismo, agás o expresionismo, que exerceu certa influencia na súa arte.

Finalmente, abonda con lembrar estas palabras da presentación que acompaña a edición do Álbum Nós no ano 1931: “Con este medio cento de debuxos intentei desacougar a todos os licenciados da Universidade (amas de cría do caciquismo), a todos os homes que vivían do favor oficial…”

Con todo, esta idea da arte como estímulo para provocar un cambio social e político, no caso de Castelao non mingua en absoluto o valor estético das súas creacións artísticas.

Cómpre agora sinalar dúas características esenciais comúns a todas elas: a aparente sinxeleza e o seu estilo sintético. Nun relato de Castelao non sobra nada nin falta nada. Todas as palabras ocupan o seu lugar preciso e teñen a súa función, ao igual que os trazos dos seus debuxos e caricaturas. Son o resultado dunha profunda reflexión mais o aspecto final semella de gran simplicidade. De aí que sexan facilmente comprensibles por todo tipo de persoas, independentemente do seu nivel de estudos.

Por último, outro elemento fundamental da arte de Castelao e ao que lle dedicou moitas páxinas e conferencias é o humorismo. O humorismo entendido tanto como mecanismo para relativizar e enfrontar as adversidades da vida como o xeito de liberárense os pobres e asoballados da inxustiza dos poderosos. Daquela o humor, tal como o entende Castelao, só fará burla do poder e do opresor, nunca do oprimido. Pola contra, este humor valorará e enxalzará as accións e os xestos máis sinxelos das xentes humildes.


Bibliografía e materiais de consulta:

  • Catálogo da exposición “Castelao”, realizada no Real Jardín Botánico de Madrid do 3 de marzo ao 13 de abril de 1986 con motivo do centenario do seu nacemento. Ministerio de Cultura. Centro Nacional de Exposiciones. Dirección General de Bellas Artes y Archivos
  • As liñas da conciencia. Castelao ilustrador e deseñador, de Xosé Díaz, Boletín da Real Academia Galega Núm. 375, pp. 233-237, 2015

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: