16 – Últimas obras

Nesta parte final da sala exhíbense varias obras realizadas no exilio americano con posterioridade á Guerra Civil que nos dan unha idea de como Castelao era quen de conxugar a súa intensa actividade política coa non menos intensa actividade artística.

Durante a súa estancia en Buenos Aires entre os anos 1941 e 1944 e grazas á mediación da pintora Maruja Mallo, realizou as ilustracións de 11 libros da Biblioteca Billiken, unha colección xuvenil da Editorial Atlántida na que traballaban Rafael Dieste e a súa dona, Carmen Muñoz. Entre os autores destes libros cabe destacar, Plutarco, Oscar Wilde, Hoffman e Mark Twain.

A esta época pertencen as obras que imos comentar.

Fauno
1941
Técnica mixta e papel

Esta pintura forma parte da serie chamada Faunalia, que Castelao realizou entre 1940 e 1941, ao pouco de chegar a Buenos Aires. O mundo máxico pagán, que nel adoita facer referencia ás supostas orixes celtas de Galicia, vólvese agora cara á cultura mediterránea na figura do deus romano dos bosques, Fauno-Pan na mitoloxía grega, de torso humano e extremidades inferiores e cornos de cabra. Unha nova simbiose entre o ser humano e a natureza.

Nela atopamos varios elementos recorrentes: o cachopo seco dun castiñeiro (a morte) en contraste co piñeiro novo do segundo plano (o renacemento da vida); a paisaxe de fondo das rías galegas -sempre na memoria- e o fauno que toca un fémur a modo de frauta.

Este último personaxe xa apareceu no álbum de guerra Milicianos, mais desta vez carece do sentido de profecía tráxica que tiña daquela. Máis ben semella que na realización desta obra, como na das numerosas ilustracións para a Biblioteca Billiken antes mencionada, o noso artista atopou unha válvula de escape amais de asegurarse un medio de subsistencia propio á marxe dos fondos republicanos e das achegas dos amigos.

Serie Os meus compañeiros
1941
Lapis e papel

Nestes catro debuxos de gran tamaño realizados só con lapis, Castelao volve tratar o tema dos cegos, cos que tal como dixemos noutro apartado desta guía, sentía unha forte solidariedade, pois el mesmo sufriu durante case toda a súa vida graves problemas de vista, agudizados nestes últimos anos.

E volve presentalos como esmoleiros, para denunciar unha vez máis a situación de pobreza e de marxinación que sufrían daquela estas persoas.

Nos catro debuxos represéntanse as figuras dos cegos en primeiro plano, en grandes dimensións e ocupando practicamente toda a superficie, sobre uns fondos de paisaxes galegas tradicionais nas que, cando hai persoas, quedan reducidas a pequenas figuras que non interfiren cos protagonistas.

  • A familia do cego representa un home de mediana idade coa súa dona e dúas fillas (unha delas, aínda bebé) que piden esmola nunha romaría. Obsérvese a igrexa da esquina inferior dereita e os dous mendigos suplicantes da esquerda.
  • Cegos á porta da ermida representa dous cegos xa anciáns, un acompañado da súa filla, que piden esmola baixo o arco da porta dunha ermida, no transcurso dunha romaría. Obsérvese a multitude que participa nela indiferente aos mendicantes.
  • O cego representa un home cego e novo, axeonllado e que pide esmola en actitude suplicante cos brazos abertos. Nesta ocasión chama a atención o fondo liso do cadro en contraste có do cadro anterior. A figura destaca sobre as augas tranquilas da ría que, xunto cos brazos da costa parecen acoller no seu seo o mendicante. A natureza volve acubillar o seu fillo desamparado como na portada do libro Cousas, onde a figura do cego aparecía arrodeada dun manto de follas.
  • Como na parábola de Pieter Brueghel representa un cego que guía a outro cego, os dous de idade avanzada, sobre unha paisaxe fluvial cunha vila e unha ponte. Ambos levan cadanseu fardelo de onde sobresaen o arco e o mastro dos violíns. Desta vez a imaxe ten certo ton humorístico, pois fai referencia a un cadro de Pieter Brueghel o Vello (1525/1530 – 1569), pintor flamengo, titulado Parábola dos cegos (1568), que se conserva na Pinacoteca Capodimonte, de Nápoles.

O título da obra recolle a parábola de Cristo dirixida aos fariseos: “Son cegos que guían a outros cegos. Pero se un cego guía a outro cego, os dous caerán nun pozo.” Castelao coñeceu este cadro (unha copia de Brueghel o Novo no Museo do Louvre) durante a viaxe que realizou por Europa en 1921. No diario que escribiu durante a viaxe (Diario 1921), nas anotacións correspondentes ao 25 de febreiro, tras visitar o Louvre e o Museo de Luxemburgo (tamén en París), pegou unha postal do cadro e expresou a súa profunda admiración pola obra.

Só con fixarnos nas vestimentas das figuras dos catro cadros, podemos apreciar o meticuloso e laborioso traballo realizado polo noso artista coa única ferramenta dun simple lapis. Impresiona a monumentalidade coa que dota as figuras dos cegos e, sobre todo, o agarimo e minuciosidade con que están debuxados as mans e os rostros.

Romería
1943
Técnica mixta e papel

Como o seu nome indica, trátase da representación dunha romaría baixo a sombra dunha das centenarias carballeiras que abundan en Galicia. De novo atopamos a conxunción entre os seres humanos e a nai natureza. As copas dos rexos carballos acubillan a alegre danza das xentes do pobo, ataviadas coas vestimentas tradicionais (sobresaen as monteiras dos homes). Á dereita, nun lugar elevado ao pé dunha das árbores, toca o grupo de música constituído pola formación tradicional de gaita, bombo e caixa e, ao redor dos bailaríns, unha multitude de pé ou sentada no chan, canta, observa, fala, ri, come, bebe, fai as beiras… En definitiva, goza da festa e da vida.

A pesar do carácter colectivo da escena, pódense observar detalles como a representación de dous carros do país, un na parte dereita e outro na esquerda.

Con obras como esta, Castelao tentaba acalmar a profunda saudade que sentía e o seu fervente desexo de volver a Galicia, a unha Galicia alegre e libre da ditadura franquista. En 1943 os republicanos exiliados albiscaban a vitoria dos aliados sobre o nazismo e a consecuente intervención daqueles en España para acabar co réxime de Franco, que gañara a Guerra Civil grazas ao apoio militar de Hitler e Mussolini. “París, Berlín, Barcelona, Madrid!” era o berro que repetían arreo os combatentes españois antifascistas do exército aliado para marcar o paso mentres se dirixían a París para participar na súa liberación.

Con todo, os intereses estratéxicos, políticos e económicos dos EUA, Gran Bretaña e Francia fronte á Unión Soviética primaron sobre o apoio aos demócratas españois. Franco continuou no poder baixo o amparo destas potencias e esfarelou as esperanzas de todos os exiliados.

Tras esta gran decepción, Castelao loitou ata o final por defender a democracia e os dereitos históricos do pobo galego fronte á desunión dos republicanos exiliados e á falta de apoio dos antigos galeguistas que permaneceran en Galicia. Mesmo se trasladou a París en 1946 para desempeñar durante seis meses o cargo de ministro sen carteira do Goberno da República no exilio, baixo a presidencia de José Giral.

Unha vez disolto este, por desavinzas entre os diferentes partidos, Castelao decide regresar a Buenos Aires en 1947, onde é recibido por unha multitude. Como nota curiosa, paga a pena sinalar que é neste recibimento cando soa por primeira vez a popular canción chamada A Rianxeira, que compuxeron dous emigrantes rianxeiros, Anxo Romero e Xesús Frieiro, para esta ocasión, en honor do seu ilustre paisano.

Pero é neste ano cando se empeza a consolidar o réxime franquista. En novembro de 1947 Os Estados Unidos opóñense con éxito na ONU a unha nova condena do réxime de Franco e á imposición de novas sancións. Catro meses despois, Francia volve reabrir a fronteira con España, e entre maio e xuño de 1948 asínanse senllos acordos comerciais e financeiros con Francia e con Gran Bretaña. A principios de 1949 o réxime franquista recibe o primeiro crédito concedido por un banco norteamericano coa aprobación do seu goberno -por valor de 25 millóns de dólares-. Pouco antes visitara España o presidente do comité das Forzas Armadas do Senado norteamericano.

Na Arxentina, durante a curta paréntese da ausencia de Castelao, as cousas cambiaran: incluso os seus colaboradores do Centro Galego estableceran sólidos contactos coa Embaixada da España franquista.

En 1948, en plena desesperanza, sabéndose desconectado dos seus correlixionarios do interior de España e sen posibilidades de reconducir a comunidade emigrada, Castelao continúa sendo personaxe-símbolo da galeguidade, estimación que apenas o comprace.

En 1949 diagnostícaselle cancro de pulmón. Está ademais, desde hai varios meses, practicamente cego. Considérase tamén abandonado a un destino de inacción e illamento. Malia o apoio constante dos seus amigos máis próximos e fieis e os coidados e o amor de Virxinia, os seus últimos días son penosos debido á dor física e moral intensas.

Morre o 7 de xaneiro de 1950 no sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires. O acontecemento, amordazado por consigna franquista no interior de España, move emoción xeral na Arxentina, na Galicia emigrada e exiliada. Os seus restos foron conducidos en multitudinaria e solemne cerimonia digna dun xefe de estado, ao mausoleo que o Centro Galego ten no cemiterio bonaerense de Chacarita.

No ano 1984 foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, no medio das críticas dos partidos nacionalistas e de esquerdas, que consideraban a cerimonia como unha manipulación da ideoloxía de Castelao e que moitos dos que nese momento o eloxiaban eran herdeiros dos franquistas que provocaran o seu desterro.

Rolda de nenos (situada na parede na que se apoia a vitrina de Sempre en Galiza)
1943
Técnica mixta e papel

Queremos rematar este percorrido pola vida e obra de Castelao con esta preciosa ilustración que reborda vida e alegría malia ser realizada durante o seu exilio en Buenos Aires. Trátase dunha colorida escena primaveral onde os xogos dos cativos baixo as cerdeiras en flor nos transportan a unha infancia feliz allea ás miserias e maldades do mundo dos adultos.

Velaquí unha proba máis do espírito optimista deste gran xenio, que mesmo nas circunstancias máis adversas era quen de soñar cunha vida feliz para todos os seres humanos en harmonía coa natureza.

Da man destes nenos damos cabo a esta viaxe pola vida e obra dun dos galegos máis ilustres do século XX, que deixou uha pegada imborrable no pobo galego para quen segue sendo en moitos casos un faro que alumea o seu camiño presente e futuro.

Grazas ao encomiable labor do Museo de Pontevedra podemos coñecer hoxe a súa extensa e importante obra artística e afondar no seu pensamento, dous piares básicos nos que asenta a identidade de Galicia.

<< AnteriorÍNDICE

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: