14 – Sempre en Galiza

Co pensamento en Galiza, 1943, orixinal manuscrito do libro que se publicaría co título de Sempre en Galiza
Primeira edición de Sempre en Galiza, Edicións As Burgas, Buenos Aires, 1944
Lentes, estoxo e estilográfica de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao

Achegándonos xa ao final deste percorrido pola vida e obra de Castelao, atopámonos con outra das xoias que atesoura o Museo de Pontevedra. Nunha pequena vitrina podemos contemplar o orixinal manuscrito do ensaio máis emblemático do nacionalismo galego, acompañado por un exemplar da primeira edición e mais por tres obxectos persoais de Castelao cargados de simbolismo: unhas lentes co seu estoxo e unha pluma estilográfica.

Sempre en Galiza é un extenso ensaio, onde Castelao, cun estilo moi claro e ameno no que combina á perfección a creación literaria e a paixón co rigor dos datos históricos, desenvolve as liñas mestras do seu pensamento político.

Este libro non só está considerado como a pedra angular do nacionalismo galego senón que é de lectura obrigada para calquera persoa que queira achegarse á historia, á cultura e á socioloxía do pobo galego. En definitiva, que queira comprender a Galicia actual.

Foi escrito ao longo de varios anos e en diferentes lugares e circunstancias, desde o ano 1935 ata o ano 1947 e, como podemos apreciar no orixinal manuscrito, está dedicado a Alexandre Bóveda, home de paz, piar fundamental do Partido Galeguista e amigo íntimo de Castelao, que foi executado o 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira en Poio, Pontevedra, por defender un estatuto de autonomía para Galicia.

Desde as primeira liñas escritas en Badaxoz durante o desterro que padeceu polas súas ideas galeguistas nos anos 1934 e 1935 baixo o goberno conservador da Segunda República, sentímonos engaiolados pola súa prosa poética unhas veces, inzada de paixón ou recuberta de humor, outras. Vexamos unhas pequenas mostras:

“Mediodía. O sol é unha choiva de lume peneirado, a caer na soidade das prazas. As paredes arden en luz. O chan das rúas é un amoado de betume derretido. As estatuas de bronce ferven como locomotoras. As moscas de aceiro adoecen, destemperadas, na boca das tabernas. As xentes sonean no silencio conventual dos interiores. Triunfan os gazpachos”.

Ou:

“Ten Galiza un idioma propio? Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas”.

Fai alusión Castelao á enorme vantaxe que supón saber galego para se comunicar coas persoas de fala portuguesa como Portugal, O Brasil, Angola, Mozambique…

Hai dúas liñas mestras que marcan o pensamento de Castelao: a defensa das clases populares fronte á opresión dos poderosos e a súa visión humanista universal. O seu nacionalismo non é exclusivo nin moito menos agresivo, como o do seu contemporáneo Hitler. É un nacionalismo defensivo que pretende acabar de forma pacífica coas inxustizas que asoballan os labregos e mariñeiros galegos mediante o logro dun autogoberno para Galicia.

O feito de engadirlle ao nome de España un “H” e chamarlle “Hespaña” tamén reflicte o carácter inclusivo e solidario do nacionalismo galego, pois “Hespaña”, inspirado na “Hispania” dos fenicios e romanos, é o nome que representa para Castelao o recoñecemento da diversidade dos pobos da Península Ibérica e a súa unión solidaria fronte á visión centralista do Estado.

Proba do seu ideal de xustiza universal é o seu nomeamento no ano 1939, durante a súa estancia en Nova York, como presidente honorario da Federación Internacional das Sociedades Negras, nun momento en que o racismo estaba en pleno apoxeo.

E velaquí atopamos outro elemento fundamental do pensamento de Castelao: o seu carácter aberto que o leva á continua evolución das súas ideas. El mesmo recoñece nos seus escritos que ao ver a realidade das persoas de color nos EUA, supera os seus antigos prexuízos e convértese en fervente loitador contra o racismo.

Este espírito aberto é o que facilita a súa alianza con socialistas, comunistas e anarquistas durante a Segunda República e a integración do Partido Galeguista na Fronte Popular que gaña as eleccións do ano 1936. Esta solidariedade mantense durante o conflito armado e o exilio posterior, durante o cal Castelao se converterá nun dos principais valedores dos republicanos represaliados.

Nestas palabras finais de Sempre en Galiza, escritas en agosto de 1947, podemos apreciar claramente o seu sentido de universalidade:

Estas ideas poden concretarse nos catro principios seguintes:

  1. Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña.
  2. República Federal Hespañola para confederarse con Portugal.
  3. Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea.
  4. Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial”.

— Ler máis

A columna vertebral de Sempre en Galiza é a defensa dos dereitos políticos de Galicia como nacionalidade histórica e a súa concreción no autogoberno. Así mesmo, cómpre salientar a reivindicación que fai da cultura de Galicia e, en especial, da lingua galega como lingua propia desta terra e que considera que debe ser oficial en todos os ámbitos, en igualdade co castelán.

Castelao basea os seus argumentos en razóns históricas, sociolóxicas e económicas. Neste apartado teñen especial relevancia os datos achegados polo galeguista Alexandre Bóveda, especialista en Facenda Pública e fundador da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra. Bóveda pon en evidencia a discriminación que supoñía para Galicia o sistema de recadación de impostos vixente daquela e fai numerosas propostas concretas para establecer un sistema xusto.

Coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, Castelao demostra que é posible empezar a corrixir eses desequilibrios, potenciar o desenvolvemento da economía galega e acabar cos males endémicos do país: o caciquismo, o minifundismo e a emigración.

Todas as afirmacións realizadas por Castelao baséanse en feitos concretos e mesmo en cifras sacadas da estatística, materia na que el mesmo era experto.

Con todo, incluso nas partes dedicadas ás cuestións económicas, apréciase a man do Castelao artista e escritor. Como exemplo podemos lembrar o fragmento dedicado á vaca:

A VACA

“A vaca é o símbolo da paz. Vale máis o que significa unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: “A árbore xenealóxica dunha vaca de leite é máis útil que a árbore xenealóxica dun aristócrata”.
A vaca esqueceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis.
O can será o amparo dos ricos, que defende a propiedade do amo e ládralles aos pobres que van polos camiños. En troques, a vaca é o amparo dos pobres libres.
Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de beleza”. A nosa vaca ten o presebe en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.
As “señoritas” que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a dor dunha familia labrega cando lle morre unha vaca.
Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida. A vaca é a ama de cría da Humanidade.
O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparemos, soamente, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída.
O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa, ergueremos un gran monumento cunha vaca en bronce dourado.
Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.
O día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida.”

A defensa da cultura galega e mais do status do idioma galego como lingua cooficial de Galicia xunto co castelán baséanse tamén en rotundos argumentos de carácter histórico, sociolóxico e pedagóxico.

Tras facer un percorrido pola historia da lingua galega desde o seu nacemento a partir do latín vulgar, pasando polo esplendor medieval; o comezo da marxinación por parte do poder durante os Séculos Escuros; o Rexurdimento do XIX e a elevación á lingua universal de cultura realizada pola Xeración Nós, exalta o valor das clases populares como verdadeiras transmisoras do idioma.

É ben coñecida a súa frase:

“Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

Ou estoutra cita:

“Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inesgotable de obras de arte”.

— Para ler aínda máis

Sempre en Galiza está estruturado nun limiar e catro libros, pero hai que destacar que o cuarto libro foi engadido na segunda edición (1961), con textos escritos entre 1947 e 1948, cando xa estaba publicada a primeira edición. Estas son as partes:

No adro ou limiar están agrupados 14 capítulos con artigos recollidos na publicación A Nosa Terra en 1935. Neles, Castelao mostra a súa postura proclive a aliarse coas forzas republicanas de esquerda en contraposición á postura mantida polos galeguistas máis conservadores liderados polo ideólogo galeguista ata entón, Vicente Risco.

Libro I

O libro xira arredor do problema político galego e da súa resolución, a consideración de Galiza como nación e o repaso das diferentes opcións dos diversos grupos políticos ante o problema nacional. Analízanse as vantaxes dunha república federal fronte ao centralismo que defendían varios sectores da esquerda. Tamén se traza unha historia do galeguismo e do Estatuto de Autonomía.

Foron publicadas orixinalmente no xornal Nueva Galicia, durante a Guerra Civil, co expresivo título de Verbas de chumbo.

Libro II

Libro que Castelao escribe en Nova York, aló polo ano 1940. Contén 26 capítulos. Estaba pensado como unha continuación de Verbas de chumbo, para marcar o seu afastamento político coas forzas republicanas, xa que estas non mostraron unha actitude de clara defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia. Hai que ter en conta que no ano 1936 no puido entrar en vigor o Estatuto de Autonomía debido ó estalido da Guerra Civil, inda que no ano 1938 se aceptou o trámite de aprobación, pero logo quedou paralizado pola negativa do PSOE a nomear os seus representantes na Comisión.

O Estatuto de Autonomía de Galicia foi aprobado finalmente na reunión das Cortes da Segunda República Española que tivo lugar no exilio en México no ano 1945, mais a súa aplicación nunca se levou a cabo debido á ditadura de Franco.

Tras a morte deste en 1975 e a recuperación do sistema democrático, aprobouse en 1981, no marco da Constitución de 1978, o actual Estatuto de Autonomía de Galicia. Nel recoñécese a condición de Galicia como nacionalidade histórica e recóllense reivindicacións do Partido Galeguista de Castelao como a consideración do galego como lingua propia de Galicia e a súa cooficialidade co castelán.

Libro III

Consta de 35 capítulos escritos entre 1942 e 1943, estando xa en Buenos Aires. Nestas publicacións, Castelao, coma todos os republicanos no exilio, vía preto a vitoria dos aliados sobre o nazismo e a consecuente caída do réxime franquista en España. Franco gañara a Guerra Civil grazas ao apoio militar de Hitler e Mussolini e a continuidade do seu réxime suporía unha excepción ilóxica nunha Europa que acababa de derrotar o fascismo.

Con todo, os intereses estratéxicos, políticos e económicos dos EUA, Gran Bretaña e Francia fronte á Unión Soviética primaron sobre o apoio aos demócratas españois. Franco continuou no poder baixo o amparo destas potencias e esfarelou as esperanzas de todos os exiliados.

Libro IV

Libro con 7 capítulos, que foi engadido na segunda edición de Sempre en Galiza, no ano 1961. Estes textos foron escritos por Castelao entre os anos 1947 e 1948 e céntranse nas súa idea de federalismo.

Engadiuse Alba de Gloria, o derradeiro discurso que Castelao deu en público, o 25 de xullo do ano 1948, co gallo do Día da Patria Galega, nunha intervención multitudinaria que tivo lugar no Centro Galego de Buenos Aires.

Está considerado como un dos textos máis emotivos e de maior calidade literaria de Castelao. Nel evoca unha Santa Compaña de 65 personaxes ilustres da historia de Galicia como Prisciliano ou Alfredo Brañas e lanza unha mensaxe de esperanza e de futuro.

Así comeza:

“Se no abrente deste día puidésemos voar sobor da Nosa Terra e percorrela en todas as direccións, asitiriamos á marabilla dunha mañá única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, ata as rías de Pontevedra, oureladas de piñeirais; dende as serras nutricias do Miño e a garganta montañosa do Sil, ata a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos os ríos; ou dende os cabos da costa brava da Coruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, ata o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas as partes xorde unha alborada de gloria.”


Bibliografía e materiais de consulta:

  • Sempre en Galiza, de Alfonso R. Castelao, Editorial Galaxia, Vigo 1991
  • Pensamiento político de Castelao, de Alberto Míguez, Ed. Ruedo Ibérico, París 1965
  • Alfonso Daniel Castelao, de Manuel Rei Romeu, Ed. A Nosa Terra 1999
  • Castelao. Co pensamento en Galiza, de Gonzalo Constenla Berguerio e Paulo Porta Martínez. Edita Concello de Pontevedra, 2001.
  • “El arte simbiótico de Castelao, setenta años después: continuidad e innovación, con la guerra civil como frontera”, María Pilar García Negro. Universidade da Coruña 2009
  • Castelao Maxistral, Catálogo da exposición, Ed. Xunta de Galicia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Fundación Cidade da Cultura, 2018

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: