13 – Debuxos de negros

Debuxos de negros
1938-1939
Augadas de tinta chinesa e papel

Debuxos de negros é o título dunha serie de doce láminas que Castelao realizou durante as súas estadías en Nova York e en Cuba, países aos que se trasladou por encargo do Goberno de España durante a Guerra Civil, nos anos 1938 e 1939, en busca de apoios políticos e económicos para a República. En Cuba participou na campaña das eleccións ao Centro Galego da Habana apoiando a Hermandad Gallega, o partido máis progresista de cantos se presentaban, claro defensor da legalidade republicana.

De entre os numerosos actos a prol da República en que participou como orador principal, cabe salientar o que tivo lugar no parque Atuey da Habana co gallo do aniversario da proclamación da II República e ao que asistiron máis de 12 000 persoas.

Outra proba da grande admiración que espertaba Castelao entre as persoas das clases populares foi o seu nomeamento en Nova York como presidente honorario da Federación Internacional das Sociedades Negras, nun momento en que o racismo estaba en pleno apoxeo.

Contemplándomos estas láminas, mergullarémonos nunha obra orixinal e asombrosa, unha serie de debuxos que reflicten escenas da música, da cultura e da discriminación que daquela sufría a xente de cor nos Estados Unidos e en Cuba. Nove das láminas mostran figuras de músicos, individuais ou en grupo, bailadoras e comparsas do Entroido cubano… Castelao tamén representa nesta obra un vendedor de lotaría (O billeteiro), un negro no inverno neoiorquino (Negriño en Nova York) así como unha muller e un meniño de trazos orientais. Estas dúas últimas láminas probablemente fosen bosquexadas ou debuxadas na cidade dos rañaceos.

No ano 1970, Domingo García-Sabell describíaos así: “Os Debuxos de Negros, feitos en Cuba e en Norteamérica en 1939, son sen dúbida unha das expresións máis verdadeiras, e máis patéticas, da creatividade do artista”.

Castelao non acompaña as estampas de texto ningún senón que a expresión é totalmente plástica. A cosmovisión do artista de Rianxo foi plasmada nestes debuxos por medio de manchas, brillos, liñas curvas, contrastes de luz e de sombra, volumes e escorzos que reflicten con singular mestría a sensualidade e a espontaneidade dos bailes do pobo afrocubano, tan afastadas da rixidez e da mesura propias da clase dominante de orixe europea e anglosaxoa.

— Ler máis

Castelao crea unha serie de debuxos onde só nun deles atopamos o típico debuxo do autor: é o da muller asiática co seu neno no colo. Nel dáse esa liña que semella que foi trazada no descoido, descontinua, sen sombras e de trazos básicos; riscos que recordan os de Matisse na súa derradeira época.

Os outros debuxos son diferentes. As xentes de cor, a súa cultura, a alegría que rebordan a súa música e os seus bailes colectivos malia a marxinación que padecen, causáronlle a Castelao unha profunda impresión e provocaron un cambio no seu estilo. As persoas están percibidas como grupo, xa que logo teñen características de seu, pois constituían daquela unha comunidade que non estaba integrada na sociedade.

Entre as calidades destes debuxos podemos dicir que este carácter comunitario dos negros da sociedade dos anos trinta exprésase de forma plástica: as figuras son grupais, os rostros teñen a expresión absorta e son todos semellantes, ao igual que os corpos, non teñen xestos nin expresións que permitan distinguilos uns dos outros, como tampouco o permiten as súas roupas. Con todo, algúns semblantes parecen reflectir un estado de transo provocado pola música e o baile. Nalgunhas ocasións, os volumes dos corpos confunden os seus límites configurando todos eles unha unidade de conxunto, como ocorre en Rumba Crioula, Punto guaxiro, Baile no platanal ou O guateque. Outras veces, os corpos semellan esvaecerse pouco a pouco nunha masa escura e bulideira, como podemos observar en Faroleiros da comparsa de carnaval, Negros no bembe ou A conga… arrolando.

Tense sinalado que a forza das imaxes é tal que mesmo parece que podemos oír a música dos tambores e dos cánticos que acompañan estes bailes cheos de ritmo, rodeados da natureza agreste da illa ou baixo as bandeirolas e os farois do campo da festa.

Porén hai unha estampa cunha figura individual, Negriño en Nova York, que contrasta radicalmente co mundo alegre e festeiro representado no resto dos debuxos de negros. Amósanos en primeiro plano un home novo, enfundado nun groso gabán, con gorro de la e bufanda, nun frío día do inverno neoiorquino. Detrás del levántanse impoñentes as masas dos rañaceos da cidade, que semellan afogalo. Percibimos tamén a silueta das pólas dunha arboriña nevada, única mostra de natureza.

Todos os elementos que conforman esta imaxe son os opostos aos das outras: o clima xélido fronte ao caribeño; as roupas rexas e pardas de abrigo fronte ás camisas, os pantalóns e os vestidos brancos e leviáns; a natureza murcha dunha arboriña fronte á exuberancia das palmeiras; o estatismo do corpo cuberto fronte ao movemento e a sensualidade dos corpos danzantes; o silencio fronte aos cantos festivos; a tristura da soidade fronte á ledicia compartida co grupo…

A face do mozo, minuciosamente traballada, reflicte unha profunda melancolía e transmítenos a ferinte dor que lle provoca a soidade que sofre na gran cidade, lonxe das súas raíces e do seu mundo. Unha soidade que ben coñece o propio Castelao, exiliado lonxe de Galicia.

Mirando fixamente o seu rostro, experimentamos o sentimento de desarraigo compartido por millóns de persoas de todas as épocas e nacionalidades. É unha imaxe atemporal que fai abrollar en nós multitude de reflexións sobre a situación das persoas migrantes.

— Para ler aínda máis

Castelao sentía admiración por ese grupo humano colectivo e isto revélase na forma de destacar uns elementos sobre os outros. Por exemplo, en O bongoceiro a atención é atraída polas mans e a absorta faciana que destacan ante as abrancazadas vestiduras.

Outras veces, Castelao elévase da anécdota á categoría, como diría Eugenio D’Ors: en O billeteiro (vendedor de lotaría) as sombras ameazadoras entreábrense, proxectándose sobre a figura dun home cuxa cara ten unha expresión de canseira. En Ritmo afrocubano o artista rianxeiro resalta tanto os seos coma o ventre da muller debuxada, que constitúen o elemento central da lámina. Para destacar o corpo da moza, Castelao fai uso de riscos cambados para os brazos e de difusos bosquexos para as pernas. Estes trazos curvos utilizados para representar as formas en movemento dos corpos danzantes apreciámolos en varias estampas.

Para rematar, cómpre dicir que os Debuxos de Negros de Castelao constitúen un traballo insólito no conxunto da súa obra. Neles sorprenden calidades do autor descoñecidas ata a súa creación entrementres é importante destacar a ausencia doutras moi características no resto da súa obra.


Bibliografía e materiais de consulta:

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: