12 – Os Álbums de guerra

Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos
1937-1938
Augada, tinta e papel

A insurrección militar e o conseguinte estouro da Guerra Civil Española sorprendeu a Castelao en Madrid. O 15 de xullo de 1936 estivera facendo entrega -acompañado dunha delegación de alcaldes galegos- do texto do Estatuto de Autonomía ao presidente das Cortes Españolas. Parece probable que de non atoparse nesas datas na capital do Estado, Castelao tería corrido unha sorte semellante á doutros compañeiros do Partido Galeguista que foron encarcerados ou asasinados, como é o caso do ilustre Alexandre Bóveda.

En novembro de 1936 –xa en plena contenda- Castelao trasladouse a Valencia, lugar no que o Goberno da República instalara a súa sede. Nesta cidade viron a luz os dous primeiros cadernos do que se coñece como os Álbums de Guerra. En febreiro de 1937, do prelo do Ministerio de Propaganda da República, saíu Galicia Mártir e, en xullo dese mesmo ano, na imprenta do sindicato anarquista CNT, editouse Atila en Galicia. Posteriormente, no ano 1938, cando Castelao estaba residindo en Nova York, publicouse pola Fronte Popular Antifascista Galega o terceiro dos cadernos, Milicianos.

Os dous primeiros álbums -conformados por dez ilustracións cada un deles e que foron elaborados a partir dos relatos de soldados fuxidos da Galicia ocupada polas tropas franquistas- constitúen, segundo se ten dito dende hai algún tempo, o verdadeiro Guernica Galego.

Por outra banda, o terceiro volume –que conta con once estampas- eríxese como unha homenaxe ao valor e á xenerosidade dos soldados republicanos na Guerra Civil Española, polo que ten a importancia de conter unha perspectiva nunca vista anteriormente nas obras de Castelao.

En palabras de Xesús Alonso Montero, Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos constitúen probablemente “a obra plástica de temática civil máis importante que produciu a plástica galega”.

Na sala podemos admirar todos os orixinais das láminas que compoñen os Álbums de Guerra, entre os que se atopa a estampa nº6 de Galicia Mártir, na que está baseada a célebre pintura A derradeira leición do mestre, que Castelao realizou en 1945 e que se conserva nas dependencias do Centro Galego de Buenos Aires.

A derradeira lección do mestre está considerada, con toda probabilidade, como a mellor de todas as estampas de guerra de Castelao e unha das obras cumio da súa obra plástica. A composición desta escena contén unha gran sobriedade e está realizada cunha economía de medios tal que acada unha perfecta combinación entre traxedia e lirismo. A pesar de describir unha situación eminentemente verista tamén contén varios elementos simbólicos.

O corpo sen vida do mestre representa a morte da razón, da cultura e da liberdade de pensamento, froitos da educación, a mans do fanatismo. Foron máis de cen os mestres asasinados sistematicamente en Galicia por parte dos sublevados e varios centos os encarcerados e represaliados polo réxime franquista, xusto no momento en que por primeira vez na historia do país se asentaran as bases dun sistema educativo público e universal.

O camiño co marco sinala o lugar onde os fascistas acostumaban deixar os corpos das persoas torturadas e asasinadas durante a noite: nas cunetas das estradas e dos camiños máis transitados, para que as xentes os atopasen pola mañá e, horrorizadas, fosen conscientes do que lles agardaba se non se sometían ao novo réxime ditatorial.

Os dous cachopos que agroman no outeiro, xunto cos dous nenos ao pé do mestre, -o máis vello consolando coma se fose xa un home adulto o máis novo- encarnan a esperanza dun futuro no que reverterá a terrible situación padecida.

E, finalmente, o que se pode considerar, se cadra, o elemento simbólico máis importante da estampa: o rostro do mestre asasinado é o de Alexandre Bóveda, home de paz, piar fundamental do Partido Galeguista e amigo íntimo de Castelao, que foi executado o 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira en Poio, Pontevedra, por defender un estatuto de autonomía para Galicia.

Ao poñerlle o rostro de Alexandre Bóveda á vítima, Castelao convídanos a aprender a lección de todas as persoas boas e xenerosas que utilizando a arma da palabra deron a súa vida pola liberdade e a xustiza.

— Ler máis

Na estampa de Atila en Galicia titulada Todo pol-a Patria, a relixión e a familia Castelao presenta unha muller violada e talvez morta e un home asasinado e torturado atado a unha árbore mentres os seus agresores abandonan o lugar do suceso. Observando esta lámina, na que se acada un gran patetismo coa mestura do tráxico e do grotesco, podemos recoñecer a influencia dos Desastres da Guerra de Goya. Esta influencia faise patente nesta lámina pola utilización do medio natural non xa como un lugar de gozo e de vida senón como un espazo de padecemento e de morte. Do mesmo xeito, podemos apreciar o coñecemento que o autor tiña da arte europea contemporánea e, en concreto, dun debuxo de Hermann-Paul publicado na revista satírica francesa L’Assiette au beurre, da que Castelao posuía a colección completa e que actualmente se atopa no Museo de Pontevedra.

Por último, cómpre sinalar tamén como fonte de inspiración o cartón número 37 de Louis Raemaekers, que, como indica José M. López Vázquez, “representa, en primeiro termo, unha muller violada e morta que ten ao seu carón o cadáver dunha nena (…) No seu debuxo Castelao expón como a cultura dos soldados (Patria, Relixión e Familia) deixa tras de si os mesmos resultados”.

Arenga, no álbum Milicianos, é unha ilustración na que o autor, entroncando tamén cos Desastres da Guerra de Goya, presenta a muller como suxeito activo da loita e da resistencia. Nesta excelente lámina, Castelao sitúa a acción nun contexto urbano no que unha muller, en primeiro termo, anima un grupo de milicianos –e indirectamente tamén os espectadores- dun xeito sinxelo pero enérxico, vestida con roupa de acotío, sen armas, sen bandeiras e sen ningún símbolo armado, soamente coa súa expresión facial e corporal. Sen lugar a dúbidas, esta estampa constitúe un merecido recoñecemento ao importante labor desenvolvido polas mulleres durante a guerra e a resistencia.

Con respecto á temática dos tres álbums, temos que sinalar que tanto Galicia Mártir como Atila en Galicia representan sucesos galegos ocorridos durante a Guerra Civil Española, en troques, Milicianos non se centra unicamente en Galicia senón que abre o seu abano a sucesos ocorridos no resto do Estado. Castelao, nos seus debuxos, parte da especificidade para ofrecer unha visión máis universal das consecuencias dunha contenda. Neste senso, atopamos que cada unha das estampas contén unha lenda –ao igual que o álbum de Goya mencionado- que o autor inclúe para que reflexionemos sobre as causas, os efectos e a responsabilidade do que acontece. Estas lendas reprodúcense en galego, castelán e inglés en Milicianos, en Galicia Mártir súmaselle o francés e en Atila en Galicia ten o sueco a maiores dos outros catro.

Nas ilustracións destes cadernos, percíbese de novo a influencia dos Desastres da Guerra, de Goya xa que se deixa de considerar a contenda como un espectáculo para a consagración dun heroe para ser representada dende o punto de vista das vítimas e dos seus motivos. Castelao, bebendo desta fonte, introdúcenos cos seus debuxos, como indica Diana Vilas Meis, nunhas escenas nas que, sobre todo, se reflicte a “representación da violencia, a defensa da vida, a crueldade contra a poboación civil e a deshumanización a través das torturas”. Do mesmo xeito, cómpre salientar tamén como fonte de inspiración para estas estampas a serie de cartóns que o ilustrador neerlandés Louis Raemaekers realizou durante a Primeira Guerra Mundial para denunciar a ocupación alemá de Bélxica.

Os personaxes que aparecen nos dous primeiros álbums sofren os excesos da barbarie franquista, dos fusilamentos, das torturas, das mutilacións, das violacións, dos paseos. Mais tamén existe unha ollada de esperanza proxectada na nenez, que se converte na depositaria dos anhelos de vitoria, de xustiza, de loita e de supervivencia. O terceiro caderno non incide tanto nas imaxes tráxicas senón que está dedicado a recoñecer os méritos dos loitadores republicanos mentres trata temas como o compromiso coa causa antifascista, a heroicidade feminina ou valores como a coraxe, a solidariedade e a fraternidade.

Non podemos esquecer, como indica Xosé Díaz, as series de gravados da artista, escritora e pacifista alemá Käthe Kollwitz A rebelión dos tecedores, O levantamento, Guerra dos campesiños e A morte cuxos temas son a explotación do proletariado, a miseria, a fame, a dor e a morte. Estas litografías, que Castelao puído contemplar durante a súa estancia en Múnic no ano 1921, teñen nalgúns casos unha temática exacta, un mesmo espírito de denuncia e unha estética moi próxima aos realizados polo noso artista.

— Para ler aínda máis

No que atinxe á técnica, segundo Paulo Porta Martínez, Galicia Mártir combina o debuxo lineal e caligráfico que sempre fixera Castelao co emprego de augadas moi sutís. Tamén realiza unhas composicións sinxelas e rotundas con figuras humanas centradas no espazo e con poucos elementos narrativos ao fondo, o que desemboca na procura dun “debuxo menos sintético, máis expresionista, con menos siluetas e máis pinceladas grises e escuras”.

En Atila en Galicia as escenas son menos narrativas, máis ambientais e con escasas liñas e augadas de tinta. Nelas existe un “predominio das pinceladas construtivas e a case desaparición dos trazos lineais a favor das texturas, que se aplican a figuras e a fondos aínda moi caracterizados” pero menos narrativos que no anterior caderno. Isto ten como resultado un conxunto de imaxes de gran densidade e dramatismo.

Milicianos, pola súa banda, representa un paso máis na técnica do pincel con tinta negra. Nestas estampas desaparecen tanto os trazos lineais como a gradación de grises. Castelao utiliza a tinta en seco, sen auga, o que vai dar lugar a unhas imaxes cun maior contraste que ocupan case toda a superficie da lámina e que posúen unha grande expresividade.

Cómpre salientar, como mostra da enorme difusión que tiveron estas estampas, que algúns dos debuxos dos álbums foron utilizados como imaxes para selos da Segunda República, como é o caso de Superviventes, Queiman, rouban e asesinan no teu nome! e A derradeira lección do mestre e tamén foron mostrados en exposicións da antiga URSS, A China, Os EUA e algúns países de América do Sur.

A aparición do álbum Galicia Mártir tivo unha importante repercusión na prensa da época como así o indican os artigos que sobre el aparecen en Nueva Cultura e El Pueblo. Por outra banda, nos seguintes meses, publicacións como Nova Galiza, 3ª Brigada, Madrid, Octubre, Alicante Rojo, Nueva Galicia, Nueva Cultura, CNT, Tierra y Libertad, Socorro Rojo, España ou Metralla foron divulgando algunha das láminas do caderno.

Outra das achegas deste primeiro traballo foi, como indica Paulo Porta Martínez, “a eclosión de carpetas de debuxos e álbums mixtos”. Aínda que este tipo de obra non foi invento de Castelao, el foi o primeiro en utilizalo no contexto da Guerra Civil. Posteriormente editáronse carpetas individuais, como os Debuxos da guerra, de Arturo Souto ou o álbum colectivo Os debuxantes na guerra de España, o que converteu este tipo de publicacións na modalidade gráfica máis característica da guerra do 36 despois do cartelismo.

Galicia Mártir está dedicada polo autor “Aos galegos que andan pol-o mundo” e son “estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito”.

Do mesmo xeito, en Atila en Galicia -que ofrece no limiar a imaxe dun lobo cun pau que lle atravesa os ollos, en clara referencia á aniquilación da liberdade- Castelao preconiza: “Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tansiquera son capaces de concebir. E na miña Terra complirase a vontade dos mártires”.

Por último Milicianos é un álbum no que as “estampas relembran os primeiros meses da guerra cando a heroica tolería do pobo coutou a marcha dos militares e deunos tempo para crear o exército da República”.


Bibliografía e materiais de consulta:

    • Castelao en el arte europeo, de Siro López, Edición de Mª Victoria Carballo- Calero 2015
    • “Arte en loita”, de Paulo Porta Martínez, Actas do congreso “Castelao co pensamento en Galiza”, Pazo da Cultura de Pontevedra 19,20 e 21 de Outubro de 2000
    • Alfonso Daniel Castelao, de Manuel Rei Romeu, Ed. A Nosa Terra 1999
    • Castelao, grafista, pinturas, dibujos, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, exposición junto con la Fundación MAPFRE y la Fundación Gonzalo Torrente Ballester, septiembre-noviembre 2017
    • Castelao Maxistral, Catálogo da exposición, Ed. Xunta de Galicia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Fundación Cidade da Cultura, 2018

 

  • As liñas da conciencia. Castelao ilustrador e deseñador, de Xosé Díaz, Boletín da Real Academia Galega nº 375, pp. 233-237, 2015
  • Las fuentes de los álbumes de Castelao Galicia Mártir y Atila en Galicia, de José M. López Vázquez, Diputación Provincial de Pontevedra e Museo de Pontevedra, 1983
  • Conferencia “Castelao imágenes de la Guerra”, de Valeriano Bozal Fernández
  • Intervencións de Diana Vilas Meis e Xesús Alonso Montero na presentación dos Álbums de Guerra de Castelao no Museo de Pontevedra o 30 de xaneiro de 2019

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: