11 – O Cartelismo

Castelao foi un artista multidisciplinar que acotío amosou un grande interese por todo o referido ás artes gráficas. Neste senso, podemos destacar o seu labor tanto no eido da caricatura como nos deseños de portadas de libros, maquetacións de páxinas, ilustracións ou incluso na confección dalgúns carteis publicitarios e de propaganda.

Como indica María Luísa Sobrino Manzanares, o cartelismo non foi en Castelao unha actividade nin intensiva nin regular –non chega a unha ducia de traballos- con todo, si posúe un importante interese “como testemuña da súa traxectoria artística e da traxectoria que levou o cartel en Galicia”.

Nesta sala do Museo podemos gozar de varios dos carteis realizados por Castelao ao longo da súa vida.

En primeiro lugar, atopamos un deseño que pasa por ser a súa primeira achega nesta disciplina: o Programa das festas do Apóstolo Santiago de 1912 en Compostela. Tanto nese traballo, como no Deseño de cartel para o xornal coruñés El Noroeste de 1918, observamos un tratamento colorista e pictórico que se encadra na liña dos óleos que estaba a elaborar por esas datas.

Será xa nos seguintes traballos -que foron realizados nos anos vinte, despois da súa viaxe por Europa- nos que Castelao presente, segundo Sobrino Manzanares, “unhas imaxes ben distintas, moito máis elementais e esquemáticas aínda que dun impacto máis inmediato para anunciar un contido a medio camiño entre o cultural e o comercial”. Este é o caso dos carteis anunciadores de Un ollo de vidro, do diario Galicia e da revista Céltiga.

Por último, cómpre salientar que Castelao en 1936 confeccionou un par de carteis para a campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia. Un destes deseños, que leva a lenda “Para que remate esta vergonza. Vota o Estatuto”, áchase nun lugar destacado desta exposición.

Este cartel presenta un señorito con chistera e frac, que está a muxir unha vaca mentres esta é alimentada por unha moza campesiña galega. Con esta imaxe tan gráfica, Castelao constrúe unha metáfora onde Galicia aparece como unha terra traballada polo pobo galego mentres o beneficio dese traballo é para as clases altas que gobernan desde fóra dela. Tal como escribiu en Sempre en Galiza: “A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila”.

Na realización do deseño, Castelao tomou como base un antigo debuxo do seu Diario 1921, realizado nun café de Bruxas e que describiu así: “Un paisano (que pode non ser paisano e si o recadador) está zugando o derradeiro sangue dunha vaca que ten a cabeza de caveira”. Nel obsérvase como un home moxe un leite de cor vermella.

Con todo, este debuxo ten un precedente nun debuxo satírico do semanario rianxeiro El Barbero Municipal, onde o papel do muxidor lle corresponde ao cacique Viturro, albo das súas críticas. Tamén aparecerá este motivo na viñeta do diario Galicia do 25 de novembro de 1923 e na do Faro de Vigo do 12 de febreiro de 1933, dentro da serie Cousas da vida.

O cartel para a propaganda do Estatuto, ten unha concepción máis esquemática e algo naíf na que o autor inclúe unha moza labrega, elimina a caveira e substitúe a figura do paisano ou do cacique pola dun señorito-recadador. Do mesmo xeito, este traballo tamén amosa o intenso coñecemento que Castelao posuía da arte europea do seu tempo xa que, con toda probabilidade, a fonte primixenia deste deseño sexa a ilustración La veritable encyclique de S.S le Pape Pie X, de Paul Poncet, que aparece no número 283 da revista francesa L’Assiette au beurre.

— Ler máis

Antes de ser presentado ás Cortes Españolas para a súa aprobación definitiva, o Estatuto de Autonomía de Galicia debía ser aprobado en plebiscito por dous terzos do censo electoral, isto é por 895 424 electores dos 1 343 135 inscritos. Acadar este resultado supuña un reto ben difícil para os seus partidarios.

Ao longo dos catro meses que durou a intensa campaña a favor do Estatuto de Autonomía no ano 1936, Castelao –como candidato da Fronte Popular por Pontevedra e como dirixente do Partido Galeguista- foi un dos encargados da propaganda mural e da divulgación gráfica.

Algúns dos artistas que achegaron deseños para a cartelería deste acontecemento fundamental para a historia de Galicia foron, ademais do propio Castelao, Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Carlos Maside. Os seus traballos constitúen os primeiros exemplares cartelísticos de xénero político dentro do ámbito galego.

Como dixemos anteriormente, Castelao participou con dous carteis nesta campaña. Un deles, Para que a nosa terra sexa nosa, reproduce exactamente unha das ilustracións que o autor fixera para o Álbum Nós e que podemos contemplar nesta sala. Nela aparece un labrego falando cuns rapaces e a única diferenza entre eles é que a lenda que acompaña o texto da lámina orixinal di: “A nosa terra non é nosa, rapaces”.

O 28 de xuño de 1936 tivo lugar o plebiscito do Estatuto, no que votou o 74,56% do censo electoral, participación altísima nesa época. Do 1 000 963 votos emitidos, 993 351 foron a favor (o 99,24%), 6161 en contra e 1451 en branco. É dicir, superouse en 97927 o número de electores requirido para a súa aprobación.

— Para ler aínda máis

Na viaxe que Castelao fixo por Europa, en 1921, foi o momento no que descubriu as novidades técnicas e formais que se estaban a producir no cartelismo. Unha das consecuencias dos coñecementos adquiridos desta estadía foi a percepción do gran potencial de comunicación dos carteis expresionistas, de formas simples e distorsionadas e dun colorido puro e contrastado. Outra das consecuencias foi o descubrimento da linografía, unha técnica que permitía o abaratamento de custos ademais de ofrecer importantes vantaxes na execución do gravado e nos labores de estampaxe e reprodución.

Como exemplo do anteriormente comentado, podemos gozar na sala do deseño para a publicidade do libro Un ollo de vidro de 1922, que posúe claras influencias de certas escenas de O Bosco e de Brueghel o Vello, e do anuncio do diario Galicia, no que a muller coa cabeza de dous pares de ollos está inspirada nun debuxo da pintora rusa Natalia Goncharova.


Bibliografía e materiais de consulta:

  • Castelao en el arte europeo, de Siro López, Edición de Mª Victoria Carballo- Calero 2015
  • Alfonso Daniel Castelao, de Manuel Rei Romeu, Ed. A Nosa Terra 1999
  • Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936. Catálogo da exposición. Mª Ángeles Tilve Jar, José Manuel Castaño García e Xosé Carlos Valle Pérez, Ed. Museo de Pontevedra 2017
  • O Cartelismo en Galicia, de María Luisa Sobrino Manzanares. Ediciós do Castro 1993

<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: