10 – As cruces de pedra

As cruces de pedra na Bretaña
1930

Entre maio e agosto de 1929, grazas a unha axuda concedida pola “Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”, Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira, percorren a Bretaña francesa co fin de estudar as cruces de pedra daquela rexión. Disque esta axuda se lle concedeu grazas ás xestións dalgúns amigos que procuraban axudarlles a superar a depresión sufrida pola parella tras a morte inesperada do seu único fillo, Alfonso Xesús de Braga, en xaneiro de 1928, aos 14 anos de idade.

O resultado foi o estudo histórico e descritivo titulado As cruces de pedra na Bretaña, cuxa memoria escrita á man podemos ver nunha vitrina. Ao seu lado, amósanse algúns dos debuxos que realizou Castelao para este traballo xunto cunha escolma dos que conforman o coñecido como Álbum de Bretaña, composto por unhas 50 follas cheas de debuxos con temática bretoa.

Neles apreciamos unha vez máis os asombrosos dotes de debuxante que posuía tanto para representar os monumentos con todo detalle como para captar o carácter das persoas. Obsérvese a súa mestría para, simplemente cun lapis e un papel, representar a personalidade de varias mulleres bretoas.

Castelao xa levaba anos debuxando e estudando os cruceiros de Galicia e tiña a convicción de que había unha íntima relación entre as cruces do mundo celta (Galicia, Bretaña, Escocia e Irlanda) a consecuencia da afinidade cultural entre estes países.

— Ler máis

O texto divídese en cinco capítulos, comezando polas cruces primitivas (que datan xa do século V) e os megálitos cristianizados ata rematar na descrición pormenorizada dos calvarios, coa representación de numerosas escenas e, algúns deles, con centos de figuras, como o de Guimiliau, que cualifica como o máis interesante e máis instrutivo; ou o de Pleyben, do que di que é o mellor de todos, o máis acertado e o máis artístico. As descricións dos cruceiros complétanse cun total de 151 debuxos, de conxunto e de detalle, e 12 fotografías.

Á marxe do propio libro, a viaxe de Castelao deu pé a un longo artigo, co título Sant-iago na Bretaña, que publicou na revista Nós o 25 de xullo de 1929 (nº 67) e o mesmo día de 1930 (nº 79), incluíndo a tradución dun romance bretón titulado Don Xoán Derrién.


Bibliografía e materiais de consulta:


As cruces de pedra na Galiza
1950

Atopámonos ante outro dos numerosos tesouros que conserva o Museo de Pontevedra relacionados con Castelao: un exemplar do libro As cruces de pedra na Galiza asinado polo propio Castelao poucos días antes de morrer o 7 de xaneiro de 1950 en Buenos Aires.

Os seus amigos, Rodolfo Prada Chamocín, Xosé Núñez Búa e Luís Seoane López, por iniciativa de Manuel Puente, quixeron facer realidade un dos soños do noso artista ao amosarlle os pregos do libro no que levaba traballando desde había 25 anos e que aínda non vira a luz, como tantos outros proxectos, por culpa da Guerra Civil.

Trátase dunha obra pioneira e fundamental neste campo. Nela estúdanse non só os cruceiros galegos, propiamente ditos, senón os petos de ánimas, os cruceiros de capeliña e os calvarios, así como as cruces precristiás e as cristianizacións de pedras consideradas máxicas. Tamén se mencionan e debuxan as cruces de pedra que coroan as portas das casas labregas e os hórreos do millo.

O libro está profusamente ilustrado con 73 figuras inseridas no texto mais 73 láminas e 12 fotografías. Como se pode apreciar na vitrina, unha mesma lámina pode recoller ata 12 debuxos, o que dá unha idea da monumentalidade da obra.

Nesta edición, tal como se indica enriba da sinatura de Castelao, inclúese tamén, en inglés, unha breve biografía de Castelao, escrita por Blanco Amor e traducida por G. Hennessy, así como un amplo resumo da obra, tamén en inglés.

Como afirman os antropólogos Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo, “o cruceiro é unha cruz lisa ou con figuras esculpidas, sobre unha longa columna de entre 3 e 5 metros de altura, asentada nunha plataforma. Aínda que a miúdo os estudosos só relacionan os cruceiros galegos cos de Irlanda e Bretaña, tamén existen ou existiron no resto de Europa. (…) A súa abundancia en Galicia débese ao elevado número de entidades de poboación e á excelente conservación, grazas a seren feitos en pedra e non en madeira,” como a maioría dos levantados fóra de Galicia. A súa abundancia convérteos nun elemento característico da paisaxe galega.

En canto ao seu significado “os cruceiros son para os lugares o mesmo que o sinal da cruz para as persoas: lembranza da morte de Cristo e unha defensa contra o Mal. Por iso están situados nas entradas das aldeas e nos lugares maléficos, (frecuentados polo demo) como encrucilladas, montes, pontes e ribeiras do mar, onde a cruz triunfa sobre o Mal”.

“A cruz adoita ter imaxes no anverso e no reverso. No anverso aparece, agás excepcións, Cristo crucificado, polo xeral só, pero ás veces acompáñano a Virxe, San Xoán ou as Tres Marías. Nalgúns casos un anxo ou San Francisco abrázano pola cintura ou recollen o seu sangue nun cáliz. (…) Ao revés do que sucede en Bretaña, en Galicia son excepcionais os cruceiros cunha representación escénica da Paixón. Entre estas excepcións están o de Hío-Cangas (un dos máis afamados) e o de Noia.

O reverso da cruz ocúpao case sempre a Virxe, ben no ciclo gozoso, ben no doloroso. No primeiro caso aparece como raíña dos ceos, coroada polos anxos, ou como Virxe do Socorro, pelexando co demo pola posesión das ánimas. No ciclo doloroso amósase o sufrimento de María pola morte do seu fillo. Como Virxe Dolorosa ou das Angustias leva chantados sete coitelos ou espadas, que simbolizan as sete dores que padeceu, dende a profecía de Simeón ata o enterro de Cristo. Nas piedades recolle no seu colo o corpo de Cristo morto, unha vez baixado da cruz. Cristo ten aspecto infantil, querendo subliñar que un fillo sempre é un neno para a súa nai.”

Isto último podémolo comprobar nunha das láminas que se expoñen na vitrina. Nesta aparecen ata doce debuxos de piedades onde a proporción de tamaño entre a Virxe e Cristo non é a que correspondería á de dúas persoas adultas pois a figura de Cristo é moito máis pequena cá da nai.

Nas outras láminas expostas volvemos admirar a habelencia de Castelao como pintor e debuxante. Cun dominio espléndido da técnica da augada, é quen de plasmar mediante as luces e as sombras os detalles máis miúdos das figuras que conforman estas obras de arte populares. Obsérvense como exemplo disto os tres debuxos que realiza sobre a escena de Adán, Eva e a serpe e que están situados no fuste da columna de tres cruceiros dos arredores de Pontevedra. Cómpre sinalar que o de Estribela é o que ocupa na actualidade a Praza das Cinco Rúas no centro histórico de Pontevedra.

— Ler máis

Aínda que xa nos seus debuxos de 1916 aparecen cruceiros, (véxase a lámina nº 19 do Álbum Nós) o interese de Castelao por estudalos materialízase a raíz do seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos en 1924, no que se lle encomendou a “Sección de Arte e Letras”. Neles ve unha manifestación artística da arte popular galega que ata entón nunca fora valorada como merecía e sobre a que non se realizara estudo ningún.

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha institución creada en 1923 polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores. En 1936, tras trece anos de actividade, foi desmantelado polo novo réxime xurdido do 18 de xullo. En 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC.

Como sinala Xosé Carlos Valle “son tres os fitos que hai que recordar ao analizar globalmente as achegas de Castelao en relación coas cruces de pedra: 15 de maio de 1930, 25 de xullo de 1934 e decembro de 1949”.

A primeira data citada é a da publicación en Pontevedra, auspiciada polo Seminario de Estudos Galegos, do seu libro As cruces de pedra na Bretaña, do que xa falamos noutro apartado desta guía.

É sintomático que o discurso que pronunciou Castelao con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega o 25 de xullo de 1934 versase sobre este tema. A Real Academia publicou o discurso, sen os debuxos que o acompañaban, en 1964. Igualmente, en 1940, Castelao publicou un artigo co título de “Los cruceros” na revista Galicia (Buenos Aires). Tampouco podemos esquecer a abondosa presenza dos cruceiros na súa obra pictórica, tanto nos cadros coma nas Cousas da vida.

A recollida de información prolongouse, fundamentalmente, desde 1924 a 1936, se ben traballou na redacción e correccións ata o último momento. Tendo en conta que daquela Castelao vivía en Pontevedra non cabe estrañarse do predominio dos cruceiros desta cidade e das localidades máis próximas (Poio, Salcedo, Mourente, Marcón, Cotobade, Marín, Sanxenxo) e dos de Rianxo, Noia e arredores, por razóns de orixe.

Malia dispoñer xa de abundante material, a publicación da obra viuse truncada no ano 1936 polo estoupido da Guerra Civil.

O libro foi publicado pola editorial Nós, na imprenta López, de Buenos Aires en 1950. A editorial madrileña Akal publicou unha edición facsímile en 1975 e, posteriormente, Galaxia outra en 1984.

O Museo de Pontevedra organizou no ano 2000 unha exposición conmemorativa chamada Castelao e as cruces de pedra, na que presentaba os manuscritos, coas correccións que o autor fora introducindo ao longo dos anos, nalgún caso, con textos escritos durante a estancia de Castelao en San Francisco, en 1939, e as ilustracións orixinais. Xosé Carlos Valle, daquela director do Museo, afirmaba que aínda que algunhas das teses de Castelao sobre a orixe e a expansión dos cruceiros poidan ser discutibles hoxe en día, cos coñecementos e os medios de investigación actuais, “a el lle debemos a dignificación plena destes monumentos”.


Bibliografía e materiais de consulta:


<< AnteriorÍNDICESeguinte >>

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: